A finalidade da iniciativa é dar valor ao produto local e introducir o peixe na dieta dos máis cativos.
O CEIP de Caión acolleu hoxe a actividade Os peixiños van á escola de Caión, unha iniciativa do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte coa que se pretende dar valor ao produto local e introducir o peixe na dieta dos máis cativos.
A xornada desenvolveuse en tres espazos diferentes. No primeiro mostráronse e explicáronse as características de diferentes especies mariñas singulares como ourizos, estrelas de mar, esponxas, náutilos e cabaliños de mar.
No segundo espazo expuxéronse diversos tipos de peixes e mariscos xunto coas artes de pesca que se empregan para capturalos. Ademais, explicouse aos asistentes como medir os bivalvos e a importancia de respectar os tamaños.
Por último, no terceiro espazo degustaron unha hamburguesa de xurelo con queixo e tomate elaborada polo cociñeiro Miguel Mosteiro.
Durante a xornada os participantes recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira Rocío López.