Saturday 16 de November de 2024

O concurso gastronómico “Destapa A Laracha” celebrarase nas fins de semana de novembro


Haberá dous premios de 1.000 euros para os establecementos e sorteo de agasallos entre os clientes que voten pola súa elaboración favorita.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, presentaron hoxe a primeira edición do concurso Destapa A Laracha que se vai desenvolver durante as catro fins de semana -de venres a domingo- do mes de novembro coa participación de catorce locais de hostalería de todo o termo municipal.

Cada establecemento ofrecerá a súa elaboración ao prezo de 1,90 euros nas franxas horarias que estimen oportuno e que estarán actualizadas ao momento tanto na web www.destapaalaracha.com como nas redes sociais desta iniciativa organizada polo Concello da Laracha.
Os locais concursantes optan a dous premios de mil euros cada un, que serán outorgados segundo as valoracións de:
• Xurado popular: a clientela poderá adquirir un pasaporte impreso con espazo para que cada establecemento no que consuman unha tapa poña o seu selo e para indicar a súa valoración persoal. Para que o voto sexa válido, debe conter selos de cinco establecementos diferentes de, alo menos, tres parroquias distintas.
• Xurado acreditado experto: configurado por tres profesionais do sector da hostalería e da cociña, que visitarán cada local de forma anónima e se reunirá posteriormente para decidir o gañador.

Aqueles consumidores que emitan o seu voto válido e que, polo tanto, formen parte do xurado popular, entrarán no sorteo de premios, consistentes en vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local adherido á iniciativa, cofres regalo e outros agasallos cedidos polas empresas colaboradoras.
O alcalde explicou que “tralas experiencias positivas anteriores, decidimos ampliar a posibilidade de participar a locais de todo o Concello para que todos teñan as mesmas oportunidades”. Outra das novidades é que o programa se realizará durante catro fins de semana en lugar de concentralo nunha única porque “pretendemos desestacionalizar a oferta e polo xeral no mes de novembro descende a clientela no sector hostaleiro”. Non obstante, López Varela lembrou que cada participante pode escoller que días e a que horas ofrecerá as tapas.

O rexedor municipal valorou “o esforzo que facedes por participar” e agarda que a iniciativa sirva de “revulsivo pola promoción e publicidade que se fará dos locais”, ademais de optar a “premios atractivos”.
Por último, o alcalde tamén lembrou que os vales de compra de 30 euros que se sortearán entre os consumidores deberán ser gastados no comercio local e agradeceu ás casas comerciais participantes pola achega de agasallos.
Relación de establecementos hostaleiros participantes en Destapa A Laracha:
• O Noso Café (A Laracha)
• Café Bar O Encontro (A Laracha)
• O Trasno (A Laracha)
• Bar Lestón (Paiosaco)
• Bar Balbís (Paiosaco)
• Fogón da Pía (Paiosaco)
• Cafetería Suíza (Paiosaco)
• Bar Alecrín (Paiosaco)
• Furna Atlántica (Caión)
• Asteria Beach (Caión)
• A Taberna de San Cristovo (Golmar)
• Bar Isabel (Montemaior)
• Café Bar Buenos Aires (Vilaño)
• Café Bar Basilea (Cabovilaño)