Friday 22 de November de 2024

A entrega de guías e unha charla marcan o inicio das VI Xornadas Micolóxicas na Pobra


Arrancan as VI Xornadas Micolóxicas na Pobra do Caramiñal co repartimento de guías micolóxicas elaboradas por MycoGalicia Plantae a alumnado de terceiro curso do CEP Salustiano Rey Eiras e do CEP Pilar Maestú Sierra. Nesta mesma xornada, a asociación medioambiental AMABUL impartirá o coloquio Introdución á micoloxía. Será ás 20.30 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.

 

Trátase dunha axenda impulsada no outono dende a Concellaría do Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), para afondar no estudo dos fungos, achegándolle coñecementos básicos sobre estes á cidadanía.

 

O eido dos simposios continuará no venres 4, ás 20.30 horas, na dita instalación municipal, coa charla A importancia ecolóxica e ambiental dos fungos. A recuperación de terreos incendiados, tamén a cargo da referida entidade.

 

No día seguinte, sábado 5, a carballeira da Silva acollerá o obradoiro familiar Os cogomelos como recurso ambiental e pedagóxico, en horario de 15.00 a 18.00 horas. En caso de chuvia, trasladarase á unitaria do Vilariño. Está dirixido a crianzas ata 12 anos, que deberán estar acompañadas dunha persoa adulta, e requírese a inscrición previa de balde no enderezo electrónico apobra.micoloxia@gmail.com.

 

Xa están esgotadas as prazas para as actividades do domingo 6: visita guiada polo campo, exposición de cogomelos e degustación gastronómica con Gastrolab Arousa. Aproveitarase a ocasión para facer entrega dos premios ás persoas gañadoras do VI Concurso Fotográfico de Micoloxía, que repartirá un total de 750 euros mediante vales de compra para empregar no comercio local.

 

E, durante a primeira quincena do mes de novembro, a casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler dará cabida a unha mostra composta polas imaxes gañadoras do certame en anteriores convocatorias. A sala permanece aberta de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.