A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ven de aprobar ás axudas ao Concello de Touro para o financiamento da posta en marcha dun punto limpo de competencia municipal, unha actuación en materia de recollida de residuos especiais. Esta actuación está cofinanciada nun 90% polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationUE.
O investimento total do proxecto é de 408.348 euros, incluindo o Imposto de Valor Engandido (IVE). A subvención non inclúe o IVE, que asumirá o Concello de Touro, que tamén se fará cargo do 10% restante. Da Unión Europea chegarán 300.000 euros de axuda para este proxecto.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria desta iniciativa en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2022. A axuda total concedida ao Concello de Touro para poñer en marcha o novo punto limpo, que irá a cargo dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para nos anos 2022, 2023, 2024 e 2025, suma un total de 300.000 euros. Esta cantidade desglósase en catro anualidades. Así a axuda concedida para o 2022 será de 11.852 euros; a prevista para 2023 chegará a 26.267 euros; a de 2024 sumará 129.940 euros; e a de 2025 será tamén de 129.940 euros. Estas catro anualidades suman os 300.000 euros de investimento previsto procedente a Unión Europea para a actuación en materia de recollida de residuos especiais.
O alcalde de Touro, Ignacio Codesido Barreiro, destacou hoxe a satisfacción pola concesión da axuda para impulsar un proxecto “necesario para o noso Concello”. “Así damos resposta a demanda da veciñanza e a un dos obxectivos plantexados desde fai tempo polo equipo de goberno municipal”. O rexedor de Touro destaca o compromiso dos habitantes de Touro e lembra que fai uns días o municipio foi merecedor dunha Bandeira Verde por parte da Administración Autonómica, “unha mostra máis do noso compromiso co coidado do medio ambiente e a xestión responsable dos residuos que se xeneran no noso Concello”.
O financiamento para poñer en marcha o punto limpo no Concello de Touro chegará ata o 90% do custo total do proxecto e será con cargo aos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea. A porcentaxe restante será asumida polo Concello de Touro e será compatible co financiamento que poida recibir doutras administracións. O IVE tamén deberá ser asumido pola Administración Local.
O novo punto limpo do Concello de Touro consiste nun proxecto de construcción de instalación municipal de recollida separada dos distintos fluxos de residuos. O periodo subvencionable e prazo de execución chega ata o 30 de novembro de 2025.