Para asistir a ‘Reflexos de María’ non é preciso inscrición previa
O Concello da Coruña, a través da área de Cultura, organiza mañá xoves, ás 19.00 horas, un novo percorrido dramatizado na vivenda natal de María Casares sobre a vida da actriz.
‘Reflexos de María’ é unha proposta de teatro site-specific, unha peza deseñada en exclusivapara a Casa Museo Casares Quiroga, coa que se recupera a figura de María Casares, poñendo en valor a súa orixe coruñesa. ‘Reflexos’ céntrase na infancia da actriz desenvolvendo un percorrido na Casa Museo Casares Quiroga, o fogar natal de María. O público percorrerá a vivenda e as vivencias persoais e profesionais da pequena María Casares, interpetada pola actriz Nerea Brey, visitando todos os andares da casa familiar.
A peza, creada pola propia Brey e Ernesto Is, ten a súa orixe en “Despois das ondas” (2022), de Ernesto Is, nas que o escritor evoca o regreso de María Casares á Coruña despois de converterse na gran dama do teatro francés. Esta foi a primeira peza dramática longa escrita en galego sobre a vida e a carreira da actriz, estreada no ano 2019 no Teatro Colón da Coruña. Con motivo do aniversario da actriz, reeditouse a obra e volverá representarse novamente na Coruña, nesta especial adaptación. A actividade enmárcase na estratexia do Goberno de Inés Rey pola posta en valor das Casa Museo, cunha variada oferta de actividades para todos os públicos.
‘Reflexos de María’, composto por catro pases, ten unha duración aproximada de 50 minutos e a idade recomendada é de máis de sete anos. A seguinte e última función será o próximo xoves 10 de novembro, tamén ás 19.00 h. A entrada é libre ata completar capacidade, polo que non é preciso inscrición previa.