A responsable de Turismo da Xunta destacou que as iniciativas formativas, de investigación e de xeración de coñecemento axudan a incrementar a competitividade da nosa comunidade como destino e a poñela en valor
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá no acto de inauguración do curso 2015-2016 do Máster en Turismo Urbano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.
Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia destacou que as iniciativas formativas, de investigación e de xeración de coñecemento axudan a incrementar a competitividade da nosa comunidade como destino e a poñela en valor. Neste senso, sinalou que a xestión das empresas turísticas é fundamental para acadar a rendibilidade do destino e a formación é o paso previo imprescindible para lograla.
Nava Castro explicou que unha das seis liñas estratéxicas que establece o Plan Integral de Turismo de Galicia está orientada ao fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente.
Así, a responsable de Turismo da Xunta afirmou que a aposta pola formación e polas novas tecnoloxías da información e da comunicación é fundamental para facer avanzar o sector turístico galego e para incrementar a súa cota de competitividade nos mercados internacionais.
Nava Castro resaltou que a formación é unha ferramenta fundamental para contribuír á internacionalización do destino Galicia e a aposta pola diferenciación a través da calidade. “Vós seredes proximamente o noso valor en alza na evolución da dirección e da planificación estratéxica da actividade turística”, transmitiu a directora de Turismo de Galicia aos novos alumnos.
Día Mundial do Turismo
A directora de Turismo de Galicia recordou que onte celebrouse o Día Mundial do Turismo baixo o lema Mil millóns de turistas, mil millóns de oportunidades.
A responsable de Turismo da Xunta explicou que a dita celebración é unha maneira de conmemorar e lembrar as bonanzas do sector para o desenvolvemento sostible das poboacións locais e para a súa economía. Neste senso, destacou que o sector turístico é unha oportunidade para obter un futuro máis sostible tanto para os destinos como para a poboación que os compoñen.
Así mesmo, Nava Castro resaltou que o turismo representa en Galicia o 10,6% do PIB e xera o 11,2% do total do emprego da nosa comunidade. “Deste modo, estamos ante un sector clave na economía galega pola súa capacidade de potenciar o desenvolvemento das localidades e xerar un importante volume de emprego”, afirmou.