Saturday 16 de November de 2024

Alternativa demanda que o Estado destine fondos europeos para a restauración do edificio da Terraza


Alternativa dos Veciños solicitou ao presidente da Deputación da Coruña que realice xestións ante o Ministerio de Cultura para que de xeito urxente asigne fondos europeos para a restauración da Terraza de Sada, o emblemático edificio modernista que define a fachada marítima da localidade.

Actualmente non existe ningún impedimento legal para que desde instancias públicas se leve a cabo a restauración. Patrimonio do Estado confirmou que a concesión que existía a un particular está caducada, polo que parcela e edificio pasan a propiedade do Estado. Aínda que o antigo propietario recorra ao Contencioso Administrativo, non se frea a ocupación nin a restauración.

O senlleiro edificio, trasladado nos anos vinte do século pasado desde o recheo coruñés ao pé do mar de Sada, está catalogado como BIC, polo que pode financiarse con diñeiro do Estado procedente de fondos europeos, destinado á recuperación do patrimonio construído.

A acción debe ser considerada como urxente, xa que o inmoble, completamente de madeira, presenta un evidente deterioro.

Máis aló do seu valor patrimonial e monumental, A Terraza ten un importante valor económico para o pobo de Sada, pois supón un activo para o turismo, un dos principais motores do municipio.