Thursday 05 de December de 2024

Mares da Fin do Mundo premia ás cineastas galegas na V Mostra


Marcos Gallego: “estamos moi contentos coa resposta do público e comezamos os preparativos para a VI Mostra”

A V Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo celebrou hoxe a última das cinco xornadas programadas para esta edición. A Mostra, organizada polo Concello de Outes e patrocinada pola Deputación de Coruña e a Xunta de Galicia, foi patrocinadora do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) 2022, promovido pola FAO e liderado en España polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de España.

A derradeira xornada abriuse coa saída do veleiro histórico Joaquín Vieta, que leva máis dun século navegando polas nosas augas, permitindo aos asistentes coñecer a ría de Muros e Noia dende o mar. Paralelamente, a Asociación Terra de Outes volveu sumarse a esta travesía coas súas embarcacións tradicionais.

No relativo ás proxeccións, nesta quinta xornada tivo lugar a conmemoración do centenario da considerada unha das primeiras longametraxes documentais da historia. A sección Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos, acolleu este ano a proxección, en formato fílmico, de Nanook of the North, de Robert J. Flaherty (Estados Unidos, 1922).

A continuación, comezou o acto de clausura da V edición, coa entrega de premios aos filmes que participaron na competición. O filme de Diana Toucedo, Tatuado nos ollos levamos o pouso recibiu o galardón á Mellor Película da Competición Oficial (trofeo “O Faro”). O premio foi outorgado por un xurado profesional que valorou a “marcada proposta autoral cun achegamento poético ao marisqueo en Galicia”, así como a “posta en valor do patrimonio inmaterial dos oficios tradicionais do mar”. A maiores, o xurado outorgou unha Mención Especial ao filme Atalaia/Piueiro, de Xisela Franco. En palabras do xurado, o filme foi merecedor desta distinción pola “creatividade na utilización de distintos recursos, destacando a recuperación de arquivos históricos, coa visibilización dos oficios atlánticos en risco de desaparición”. Pola súa banda, a obra Last of Us, de Andrea Marcovicchio, recibiu o trofeo “O Sancosmeiro”, como gañador do Premio do Público.

Durante o acto de clausura proxectáronse tamén as obras do Obradoiro de Cinema con Móbiles e procedeuse á entrega de diplomas aos participantes nesta actividade de formación de novos públicos, coa presenza de Manuela Oviedo (xerente do GALP Costa Sostible) e María Xosé Alfonso (directora do IES Poeta Añón). Da man de Marcos Gallego e Domingo D. Docampo, o alumnado entrou en contacto coa cinematografía e o tratamento narrativo do seu entorno patrimonial, social e medioambiental.

Como colofón, proxectouse Spitsbergen, o Gardián do Ártico, de Ignacio Benedeti Corzo (España, Galicia, 2021). O filme de clausura desta edición expón as nefastas consecuencias do cambio climático e o quecemento global, a través das aventuras que vive o director a bordo do buque rompexeos Malmö.