A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe, aprobou o proxecto básico e de execución da obra do “Parque infantil na Almáciga”, que conta cun orzamento de 85.771,82 euros. Tamén reciben luz verde as obras para o reforzo da rúa dos Concheiros e se inicia o proceso para a redacción do proxecto do Centro Integral para a Inclusión Social.
O obxecto deste proxecto é o acondicionamento da parcela situada na contorna natural das hortas urbanas do parque do Monte da Almáciga, entre o colexio Apóstolo Santiago e a Rúa de Teo, para crear un espazo de xogos e de estar nesta contorna axardinada, entre o arboredo existente, converténdoo nun espazo accesible e cunha con tecnoloxía LED montada sobre postes de cinco metros que iluminará de forma uniforme as distintas áreas de xogo.
Un dos obxectivos principais para o deseño deste espazo, é poder integralo dunha forma natural nunha contorna axardinada, vinculándoo ás hortas urbanas da Almáciga, integrado ao norte co Parque do Monte dá Almáciga e do Parque de Bonaval ao Sur-Oeste. O proxecto pénsase tamén como espazo de convivencia e relación entre o colexio, o centro cívico e as hortas.
O arborado existente conservarase na súa totalidade, modificándose unicamente a topografía doa zona para situar a zona de xogos e xerar tres lombas intercaladas. Propóñense dous espazos de estancia con bancos construídos con listóns de madeira e arborado, o primeiro situado entre o camiño central e o peche do colexio, onde se instalará ademais unha fonte. A segunda zona de estar colocarase entre dúas lombas superiores, como espazo intermedio entre a zona de xogo para nenos máis maiores e o camiño perimetral que rodeará o parque.
Bonos Corazón Compostela
Por outra banda deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e Abanca Corporación Bancaria S.A, por 28.831,72 euros, para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa de dinamización do consumo no comercio e hostalería do municipio de Santiago, a través dos bonos Corazón Compostela 2022. Será 1.125.000 euros os que o Concello destinará a esta nova edición dos bonos, cos que se prevé mobilizar entorno a 3 millóns de euros no comercio e hostalaría local.
Sentenzas
Tamén se deu conta da sentenza 146/2022, do 12.04.2022, do Xulgado Contencioso-administrativo nº 2 de Santiago de Compostela, favorable aos intereses municipais.
O obxecto desta demanda, que se desestima integramente, era o Decreto nº 2021/9408, da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural, do 6.10.2021, polo que se declara a ineficacia da comunicación previa de inicio de actividade presentada por unha empresa para vivenda de uso turístico na rúa Altamira.
A sentenza considera que o cuestión xurídica en controversia, relativa a se o uso de vivenda de uso turístico debe ter a consideración de residencial ou hoteleiro, xa foi resolto pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 8.04.20200 (rec. 4029/2022), con base na cal debe entenderse que “…as vivendas de uso turístico, como a da demandante, non poden asimilarse a un aloxamento temporal de uso residencial, que son as afectadas pola anulación parcial do PE-1 da Cidade Histórica, senón a un uso hostaleiro, como así se reflicte na Sentenza do TSX de Galicia antes referida, polo que precisan habilitación municipal, do que se desprende que a resolución impugnada é axustada a dereito”.
A sentenza é firme, polo que non cabe recurso.
Contratacións
A Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación do contrato para a prestación do servizo de redacción de proxecto básico e de execución e dirección facultativa das obras do Centro Integral para a Inclusión Social, cofinanciada polo FEDER. Son máis de 100 mil euros que dan inicio a unha obra coa que se buscará mellorar os servicios sociais na nosa cidade e que se ubicará no actual Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, un edificio pechado por perigo de derrube.
Tamén se deu luz verde á adxudicación do contrato das obras de reforzo de estruturas na rúa dos Concheiros, nos números 10, 12, e 16 á empresa “2000 Joscon Construcciones SL”, por un importe total de 92.565 euros. Trátase dunha actuación que contempla o reforzo do paso elevado que se sitúa no cruce con San Pedro e a substitución la chapacuña actual por lousas de granito que darán continuidade á renovación que se fixo no resto da rúa.
Tamén se adxudicou o contrato de adquisición dun sistema de provisión e protección avanzada do correo electrónico na nube, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, con fondos da Unión Europea, NextGenerationEU”. A empresa seleccionada foi Teléfonica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España, que presentou unha oferta económica de 203.413,55 euros.