Tras dous anos de pandemia -á que se lle engadiu a ausencia da bibliotecaria municipal, Anabel Gavín-, a Axencia de Lectura de San Sadurniño volve coller ritmo tanto no préstamo de libros e outros materiais como na programación de actividades de animación, que están botando a andar estes días coa reanudación dos clubes de lectura para rapazada e persoas adultas. No caso do club infantil, que se organiza en colaboración coa Asociación Cultural Brío, os grupos reúnense -dependendo das idades- os luns, martes, xoves e venres, mentres que o club de maiores vai xuntarse unha vez no mes para debater sobre as lecturas propostas. Ademais, todos os mércores haberá “Tertulia con café” co obxectivo de falar non só de libros, senón tamén sobre cuestións de actualidade e, en definitiva, pasar un tempo agradable entre amizades. Para entrar formar parte de calquera dos grupos só hai que pasar pola biblioteca de luns a venres en horario de 16:30 a 21:00h ou mandar unha mensaxe privada á páxina de Facebook Lendo en San Sadurniño
O club de lectura para persoas adultas funcionará, tal e como sinala Anabel Gavín, “como un grupo de persoas que lerán ao mesmo tempo un dos títulos proporcionados pola biblioteca. Non fai falla ser un lector ou unha lectora experta e dedicada, senón que o club está pensado para toda aquela xente que teña certas inquedanzas culturais, gana de ler e de intercambiar impresións sobre o que se le. O club tamén ten a intención de fomentar as relacións sociais, cos libros e a lectura como escusa”.
Aínda que na biblioteca hai innumerables títulos para gozar tamén de innumerables historias, Gavín fixo unha escolma de 17 obras con xéneros, temáticas e estilos moi variados para ir traballando sobre delas de agora en diante. A proposta é sinxela: cada mes proponse un libro e cadaquén administra o seu tempo libre para ir léndoo, tendo anotada na axenda a data posta para a xuntanza na que se comentará en grupo, fixada nun día e a unha hora que lle vaia ben a todas as persoas participantes. “Os clubs de lectura sempre funcionaron moi ben -comenta Gavín- porque combinan a lectura persoal e íntima coa posibilidade de compartir esa lectura con outras persoas, tirando novos significados e interpretacións que enriquecen aínda máis a experiencia de ler”.
Como actividade paralela do club de lectura mensual, todos os mércores á tarde tamén vai desenvolverse a “Tertulia con café” para parolar sobre unha obra ou fragmento en concreto lido previamente en voz alta, preferiblemente relacionado co actualidade do momento… e, como indica o propio nome, arredor dunha mesa con café e algo para acompañalo.
Club infantil en colaboración con Brío
O club de lectura das persoas adultas terá tamén versión para a rapazada. O nome do programa da xente miúda é “O poder da imaxinación” e proporá libros e contos co obxectivo de que as nenas e nenos “prendan na lectura e teñan cada vez máis curiosidade por todo o que ofrecen os libros”, explica Anabel Gavín. “Queremos que a rapazada lea e que o faga asimilando o que le. Participar no club é o complemento perfecto do traballo de comprensión lectora que se fai na escola, e unha maneira fantástica de que haxa cada vez máis amantes dos libros cun espírito crítico”.
O club “O poder da imaxinación” reunirase en grupos por idades e con textos adaptados a cada unha delas. Gavín tamén avanza que outro dos obxectivos das xuntanzas será “incentivar que as pequenas e pequenos empecen a escribir as súas historias”.
Así, os luns ás 18:30h e os venres ás 17:00h o club estará integrado polas nenas e nenos de 3 a 5 anos. O club para cativería de 9 a 11 anos reunirase os martes e xoves ás 18:00h. E, por último, tamén haberá club para rapazada de 6 a 8 anos os venres ás 18:00h.
As sesións semanais de “O poder da imaxinación” contan coa colaboración da Asociación Cultural Brío, que tamén acaba de poñer en marcha o proxecto “Ilustramos os nosos dereitos”, preparatorio da celebración do Día Internacional dos dereitos da Infancia que se celebrará o próximo 20 de novembro. A actividade desenvólvese nos sábados que faltan ata esa data -5 de novembro e 12 de novembro- dirixidos en horario de 10:30 a 11:30h pola artista plástica Paula Aneiros no local social de Lamas.
A rapazada debuxará a súa interpretación dos dereitos recoñecidos pola Convención da ONU e despois fará un pequeno vídeo co obxectivo de estrealo o propio día 20.