Friday 22 de November de 2024

O proxecto ‘Cariño Mariñeiro’ presenta dous percorridos para realizar polo territorio litoral


• Tras o período de desenvolvemento das actividades para a elaboración dos itinerarios, o proxecto conta xa con dúas rutas litorais.

Continúan as actividades de desenvolvemento do proxecto «Cariño Mariñeiro», unha iniciativa que traballa na posta en valor da memoria e da actividade no mar a través da creación de dúas rutas litorais. Estes itinerarios pretenden ser unha vía para coñecer un pouco máis sobre o pasado e o presente do vínculo co mar desta vila, mentres locais e visitantes transitan polos paraxes, infraestruturas ou vestixios da cultura mariñeira.
Para o deseño destes itinerarios levouse a cabo un estudo previo da oferta turística existente. Do mesmo xeito, examinouse o territorio para determinar as zonas potenciais polas que poderían transcorrer as rutas, o seu estado e a súa viabilidade para que poidan realizarse camiñando ou en BTT. Paralelamente, desempeñouse unha recollida de información a través dunha revisión bibliográfica e da elaboración de entrevistas á veciñanza cariñesa. Persoas con algún vínculo coa historia, o territorio ou a actividade mariñeira e que coñecen mellor que ninguén a súa vila.
Os traballos de documentación e trackeado do territorio deron finalmente lugar a dous percorridos circulares: unha ruta urbana e unha ruta litoral. A través dos puntos de interese marcados na ruta urbana o visitante terá unha visión do que é e o que foi a industria conserveira na historia da vila de Cariño. Ademais, o percorrido levará aos interesados polo armazón de rúas do núcleo mariñeiro, describindo algunhas das peculiaridades de diferente índole que xa forman parte do patrimonio do pobo. Esta ruta terá unha distancia moi asumible de 6,4 quilómetros.

O percorrido litoral levaranos ás parroquias de Feás e Sismundi, dous enclaves referentes na carpintería de ribeira e quizais menos recoñecidos. Pretendese con este percorrido que este oficio non caia no esquecemento e se plante a semente da recuperación da memoria do patrimonio de Cariño. Este percorrido litoral transcorre en parte polo antigo Camiño Real que viña dende Ortigueira. Ademais, nun futuro non moi afastado, o Camiño Natural do Cantábrico tomará este itinerario para rematar no Cabo Ortegal a súa última etapa. Esta será unha oportunidade tamén para contemplar algunhas das mellores paisaxes da costa que ofrece a espectacular ría. O percorrido será de 10 quilómetros, cunha dificultade media asumible para todos os públicos.

Estes itinerarios aparecerán recollidos no perfil de Wikiloc municipal onde estarán dispoñibles os datos necesarios para a súa elaboración: distancia, duración, desnivel, nivel de dificultade… Tamén aparecerán os puntos máis importantes a visitar e información e fotografías dos mesmos. Ademais estas rutas formarán parte da oferta turística recollida na web de turismo onde, ademais das ligazóns ao perfil de Wikiloc, estarán aloxados contidos adicionais: tres audioguías para cada ruta (en galego, español e inglés) sobre os recursos máis destacados do itinerario, unha videotestemuña en cada percorrido protagonizada por algunhas persoas na vila que traballarán como embaixadoras do seu territorio, e un díptico con toda a información necesaria para poder realizar as rutas.

As actividades executadas para a elaboración das rutas mariñeiras forman parte do proxecto “CARIÑO MARIÑEIRO. Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio mariñeiro do Concello de Cariño”. Un proxecto coordinado polo Concello de Cariño e financiado polo GALP A Mariña Ortegal e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).