As prácticas levaranse a cabo entre febreiro e xuño do próximo ano nas especialidades de seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e medicina do traballo
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), vén de renovar coas universidades de Vigo e da Coruña os convenios de colaboración para a formación práctica do alumnado dos mestrados universitarios en prevención de riscos laborais. En concreto, as alumnas e alumnos poderán realizar a súas prácticas académicas nos centros do Issga da Coruña, Redondela e Ourense.
A actuación enmárcase nas funcións do Issga relativas á formación e accións informativas coa seguridade e saúde laboral, a colaboración e cooperación en materia de prevención de riscos laborais con outras administracións públicas, entidades públicas e privadas e corporacións locais; e especificamente a colaboración coa autoridade educativa, a universidade e os centros de investigación para implantar en todos os ciclos e niveis formativos programas educativos de prevención de riscos laborais.
O carácter técnico científico do Instituto fai que manteña unha constante e continua relación co ámbito universitario, a través de distintas actuacións, como son estes convenios de colaboración. Dados os bos resultados obtidos outros anos, acordouse prorrogar a vixencia do convenio de cooperación educativa por un novo período de dous anos, ata o 28 de outubro de 2024.
As prácticas levaranse a cabo entre febreiro e xuño do próximo ano nas especialidades de seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada, e medicina do traballo.
O Issga nomeará unha titora ou titor que se encargará do seguimento das prácticas, supervisará a súa realización e emitirá un informe final sobre o seu contido e avaliación. No caso de que a avaliación da memoria e o informe de actuación do estudante sexan favorables, o Instituto emitiralle a cada un dos que participasen con regularidade nas prácticas unha certificación na que deben constar o tempo de colaboración e as actividades, traballos ou investigacións realizados.
A selección do alumnado será competencia da universidade, así como a organización do apoio teórico e práctico para o desenvolvemento das prácticas. A súa avaliación realizaraa a universidade a través das suas titoras ou titores, tendo en conta a memoria elaborada polo estudante e o informe de prácticas do responsable no Issga.
O carácter formativo das prácticas ten por obxectivo permitir que o alumnado aplique e complemente os coñecementos adquiridos na súa formación académica, favorecendo a adquisición de competencias que lles preparen para o exercicio de actividades profesionais, faciliten a súa empregabilidade e fomenten a súa capacidade de emprendemento.