Saturday 16 de November de 2024

A cineasta galega Xisela Franco inaugurou a competición oficial de Mares da Fin do Mundo


A segunda xornada da V Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, celebrada este sábado, comezou ás 10:00 h coa celebración da Mesa redonda organizada en colaboración con Proxecta. Coordinadora Galega de Festivais de Cinema. Moderada por Elena Mareque (Proxecta), contou coa participación de Ángel Sánchez (codirector de Play–Doc), Xisela Franco (cineasta e curadora en festivais), Manuel Pena (director de FICBUEU) e Jesús Silva (programador en MDFDM e crítico de cinema), que debateron sobre a realidade de programar festivais de cinema no rural galego.

Durante a mañá, celebrouse tamén a actividade de Achegamento ao marisqueo a pé, na que a Agrupación de Mariscadoras a Pé da Confraría de San Bartolomé de Noia fixo unha demostración real do proceso extractivo do marisco na praia de Siavo, mostrando asemade o proceso de clasificación e pesado do produto nas instalacións da Lonxa do Freixo.

Xa pola tarde, nas instalacións da Casa da Cultura de Outes (A Serra de Outes), proxectouse a estrea en festivais de Desafíos del Océano: Científicas al Mando, unha miniserie documental do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar liderado pola Universidade de Vigo que nace co obxectivo de dar a coñecer a investigación que mulleres científicas desenvolven ao redor de temas de actualidade nas ciencias mariñas a nivel global e que constitúen desafíos de futuro para os océanos, o planeta e a humanidade.

A continuación, deu inicio a proxección dos primeiros filmes participantes na Competición Oficial, na que este ano concorren un total de catorce filmes de dez nacionalidades diferentes e falados en nove linguas. Centrados na pesca sostible e na protección do medio ambiente mariño, nesta xornada proxectáronse seis obras divididas en dous bloques de tres filmes.

No primeiro concorreron a galega Voltar do Mar, de David Pérez, Rodrigo Martínez e Mikel Puertas (España, Galicia, 2022), unha obra que recolle a testemuña de Juan Olveira, sobrevivente do naufraxio do “Sempre Güeto” en augas de Cedeira en xuño do 2021. A segunda obra deste bloque foi Tatuado nos ollos levamos o pouso, da galega Diana Toucedo (España, Galicia, 2021), que documenta o traballo dun grupo de mariscadoras dunha pequena vila ao sur de Galicia e a conciencia colectiva que emerxe nelas. A terceira obra do primeiro bloque foi Le mer en héritage, de Mégane Murgia (Francia, 2021). Esta obra francesa narra a relación dun pescador da Bretaña francesa co mar.

No segundo bloque de filmes da Competición Oficial da primeira xornada, os asistentes puideron desfrutar do filme galego Atalaia/Piueiro, de Xisela Franco (España, Galicia, 2022), unha obra que trata de dar visibilidade ao patrimonio marítimo inmaterial de A Guarda mediante a colaboración de dúas asociacións da vila, a Asociación de Redeiras do Baixo Miño “Atalaia” e a Asociación de Embarcacións Tradicionais “O Piueiro”. O filme Intermède (XOPIKO), de Maria Kourkouta (Francia/Grecia, 2022), presenta unha sorte de poema fílmico en 16 mm que amosa o traballo nun pequeno estaleiro nalgún lugar de Grecia. Finalmente, The Boat Builders, de Sveinung Uddu Ystad & Jon Terje Hellgren Hansen/Forbundet KYSTEN (Noruega, 2022) permite ao espectador acompañar a tres aprendices de carpintaría de ribeira e aos seus mestres, amosando o oficio, a tradición e a transmisión dos coñecementos desta profesión artesanal que se remonta á época viquinga, permitindo que este patrimonio cultural siga vivo.

A Mostra Internacional de Cinema Documental MARES DA FIN DO MUNDO está organizada polo Concello de Outes, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña e a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).