A vixésimo cuarta edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán concluíu coa tradicional ofrenda cívica onda o monumento do literato, a carón da Torre de Bermúdez, como colofón ás actividades artelladas arredor do día 28 de outubro, data de conmemoración da súa nacenza. O Cantón da Leña da Pobra do Caramiñal converteuse así nun fervedoiro cultural ao que asistiu veciñanza e representantes de asociacións locais, ademais de membros da corporación municipal e o investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina.
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), puxo en valor este case cuarto de século dunhas xornadas que buscan divulga-la obra e figura de Valle-Inclán, amosando así tamén o respecto de toda a sociedade a unha eminencia do panorama literario. Lembrou tamén que neste ano se fixo especial énfase en propostas dirixidas ás novas xeracións, pois serán as encargadas de preserva-lo legado do autor que une ámbalas marxes da ría da Arousa.
A estas palabras sumouse o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), quen tamén quixo traslada-lo agradecemento do Concello ao director xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo, polo seu apoio en cada convocatoria, ademais de a Xaquín del Valle-Inclán Alsina por seguir colaborando e achegando coñecementos sobre o seu antepasado, ademais do depósito de fondos no Museo para a súa custodia, estudo e divulgación.
Tralas intervencións foi a quenda de coloca-lo arranxo floral ao son do himno galego para, deseguido, dar paso ao noso folclore coa Escola de Baile e Pandeireta Caramiñas da Asociación Amas de Casa, que tamén se encargou da lectura pública duns textos que introduciu o acto conmemorativo. Ademais, varios espazos céntricos da vila vibraron ao ritmo de Os Caraveiros.