Saturday 16 de November de 2024

O ciclo POETAS DI(N)VERSOS reúne no Ágora unha brillante escolma da poesía galega e sueca


O ourensán Pablo Otero e a sueca Ida Börjet ofrecerán un recital poético gratuíto este luns, 31 de outubro, ás 20 horas

O ciclo, consolidado como a única cita estable que acolle poetas internacionais, permitirá coñecer este trimestre a poética de Suecia, A India e Portugal

A india Mamta Sagar, a lusa Filipa Leal e as galegas Verónica Martínez e Nuria Vil serán as seguintes invitadas do ciclo

O ciclo POETAS DI(N)VERSOS retoma a súa actividade e presentará este próximo luns unha mostra do mellor da poesía de Suecia e Galicia, coa presenza o luns 31 de outubro no Ágora do ourensán Pablo Otero e a sueca Ida Börjel.

Por décimo cuarto ano consecutivo reinaugúrase a coidada programación poética do Concello da Coruña. O ciclo que reúne mes a mes unha voz en galego a carón doutra do resto do mundo volve ao auditorio do Ágora este vindeiro luns 31 de outubro ás 20 horas, consolidado coma a única cita estable que acolle poetas internacionais de xeito regular en toda España. Impulsado polo Concello e fundado e coordinado pola tamén poeta e xestora cultural compostelá-coruñesa Yolanda Castaño, POETAS DI(N)VERSOS volverá a presentar algunhas das máis interesantes poéticas mundiais a carón de autores e autoras en galego, permanecendo atento a novas correntes e amosando toda a diversidade lírica que se escribe hoxe no mundo. Chegarán, neste primeiro trimestre de outono, dende Suecia, A India e Portugal en outubro, novembro e decembro.

En concreto, o recital aberto e gratuíto que abrirá esta nova edición xuntará as voces dunha das últimas revelacións poéticas galegas, o ourensán Pablo Otero (1970), a carón dunha voz tan experimental e disruptiva dentro da poesía sueca coma a de Ida Börjel (1975), cultivadora da corrente coñecida como ‘poesía documental’.

Pablo Otero leva 25 anos colaborando en proxectos editoriais e formatos culturais diversos: con poemas e libros de artista, cómic, revista infantil-xuvenil, guías didácticas, obra gráfica, poesía visual, catálogos de arte ou álbum ilustrado, pero o pasado ano sorprendeu o público e a crítica publicando en Apiario o seu primeiro poemario: “Darbo”.

Residente en Malmö, Ida Börjel é unha multipremiada autora e tradutora que pescuda, analiza e á vez trata de representar os nosos condicionamentos tanto lingüísticos coma sociais contemporáneos en canto a diferentes formas de autoridade, soberanía e sistema xurídico.
O seu último libro, de ‘poesía documental’, compúxose a partir de chamadas telefónicas dende a primeira liña rusa na Ucraína, procesadas pola autora. Na Coruña, os seus poemas soarán no sueco orixinal e tamén nas traducións que para o galego realizou a poeta Lorena Souto.

As seguintes citas serán o luns 7 de novembro e o luns 12 de decembro. A primeira delas reunirá a poeta india en lingua canaresa Mamta Sagar xunto á profesora e poeta Verónica Martínez Delgado: dúas poéticas atravesadas por unha marcada perspectiva de xénero chegadas dende Ferrolterra e o sur da India para tratar corpo e dignidade, alteridade e integración. Como remate do trimestre de outono e aínda que o ciclo continuará mes a mes ata xuño, as convidadas de decembro serán Filipa Leal e Nuria Vil: honestidade e carácter sempre están presentes na voz puxante e rebelde desta viguesa e na dunha das poetas portuguesas máis consagradas da súa xeración.