Máis de 17.600 galegas e galegos residen nos Estados Unidos e a meirande parte deles residen en Newark, a cidade máis poboada do estado de Nova Jersey
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantiveron encontros coa comunidades galegas de Nova Jersey, onde residen a meirande parte dos galegos que a día de hoxe están nos Estados Unidos.
Rueda e Miranda visitaron a cidade de Newark, onde e primeiro lugar, visitaron e mantiveron unha xuntanza cos membros do Centro Orensano Social Club, que foi fundado no ano 1964 por un grupo de ourensáns, que constituíron esta asociación para o fornecemento da cultura galega e organización de actividades de carácter recreativo. Posúe un edificio de dous andares en Lafayette St con amplo salón de actos, oficinas, biblioteca, e instalacións lúdicas e de hostalería. Conta a día de hoxe con case 1.000 socios dos cales 940 son galegos.
Acto seguido, achegáronse ata a Peña Galega – Club España, onde tamén mantiveron un encontro con socias e socios, e membros da xunta directiva, e coñeceron de primeira man as instalacións da entidade, que foi fundada no mesmo ano que a anterior, 1964, como lugar de encontro e acubillo dos emigrantes españois (dos cales arestora máis do 80 por cento dos 1.500 socios son galegos) nesta área dos EE.UU. Posúe un edificio de hai máis dun século, considerado por tanto ‘histórico’ no país, de dous andares, con salón de recreo con escenario, oficinas, e instalacións de hostalería.
O Centro Orensano e a Peña Galega son os dous referentes fundamentais da diáspora galega e española en Newark, a cidade máis poboada do estado de Nova Jersey, e cuxo alcume é “a cidade dos ladrillos”. Con preto de 300.000 habitantes, é un importante centro industrial, cultural, comercial, e de transporte, que se atopa a uns oito quilómetros ao oeste de Manhattan, e catro ao norte de Staten Island (ambas pertencentes a Nova York). A súa localización preto do océano sobre a badía de Newark axudou a que o porto de Newark sexa o maior de contedores da zona marítima do nordés dos Estados Unidos.