Saturday 16 de November de 2024

Fene destina 176.800 euros a colaborar co tecido sociocultural e deportivo do municipio


O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e representantes de varios colectivos do territorio asinaron hai escasos días os convenios nominativos para o financiamento de distintas actividades de carácter cultural, deportivo e social durante este ano. O importe total dos acordos ascende a 58.000 euros, que se engaden aos 105.800 que se distribuirán a través da convocatoria de concorrencia competitiva -cuxo prazo de presentación de instancias rematou este mércores-, máis outros 13.000 da liña para axudarlles ás comisións de festas patronais cos custes de contratación de orquestras.

As beneficiarias dos convenios suscritos recentemente -todos eles vinculados con citas ou actividades concretas- foron a AVV Magalofes, a AVV Limodre, o CMI Unidade de Fene, Airiños de Fene, a ACRD O Pote, o CPS San Valentín, a Liga de Amigos de Barallobre, as ANPAs de Centieiras e Os Casais, a Escudería Scratch e a Asociación de persoas voluntarias de Protección Civil de Fene, ademais de Os Centolos e a Asociación Felicia, quen xa asinaran con anterioridade os seus respectivos acordos económicos.

O importe global alcanza os 58.000 euros, dos cales 44.300 son para entidades culturais, 5.500 € para as asociacións de nais e pais, 5.000 para entidades deportivas e 3.000 para agrupación de Protección Civil.

Con estas achegas, o Goberno Municipal de Fene pretende apoiar o labor destas entidades na organización de eventos puntuais de especial relevancia e interese municipal, como a Festa do Poldro de Magalofes, a Festa da Ameixa, en Maniños, a do Langostino en San Valentín ou as festas gastronómicas da AVV Limodre, xunto coas Romarías do Pote e do Camiñante. Tamén se respalda a organización do Premio Pérez Parallé, a Xuntanza de Gaiteiros, o Felicia Pop e, no eido deportivo, o Slalom Fene. Por último, os convenios tamén cofinancian o funcionamento dos comedores escolares de Centieiras e Os Casais e o programa anual de voluntariado de Protección Civil de Fene.

105.800 euros en concorrencia competitiva
De cara a colaborar na programación anual de actividades por parte das entidades, o Concello tamén mantivo aberto ata este mércores o prazo de presentación de solicitudes da liña en concorrencia competitiva, á que se destinan este ano 105.800 euros.

Nos gastos subvencionables, segundo as bases, entrarían os derivados de actuacións culturais, obradoiros e outras propostas, os de participación en campionatos deportivos ou os necesarios para o normal funcionamento dos colectivos e das súas instalacións. A convocatoria tamén se dirixe á compra de bens correntes (consumibles de oficina, etc.), gastos de organización de escolas deportivas ou culturais, de festas e romarías e “todas aquelas actividades dirixidas á conservación, promoción ou divulgación das tradicións e valores culturais propios do Concello de Fene”.

Dos 105.800 euros consignados, 6.000corresponden ás Anpas, cun tope de 1.500 por solicitude; 44.800 van para asociacións culturais (12.000 euros como máximo); e os 55.000 restantes diríxense a entidades deportivas, que poderán obter até 15.000 euros de axuda. En todos os casos o financiamento municipal pode chegar ao 80% dos gastos detallados nas solicitudes.

Cabe recordar, por último, que o consistorio tamén dedica 13.000 euros -neste caso con cargo a fondos provinciais- para colaborar coas comisións de festas na contratación de orquestras.