Este documento ten como obxectivo que o 100% dos galegos teña cobertura de Internet de 30 Mbps e que un de cada dous fogares teña banda larga de máis de 100 Mbps
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o Consello da Xunta aprobará nas vindeiras semanas o Plan de banda larga 2020, que “trazará o mapa das novas redes de telecomunicación, arterias da economía galega do futuro”.
Este documento, que supón continuar e actualizar o Plan de banda larga 2013, ten como obxectivo que, para o final desta década, o 100% dos galegos teña cobertura de Internet de 30 Mbps e que un de cada dous fogares galegos teña servizos de banda larga de máis de 100 Mbps.
Facendo balance, o xefe do Executivo galego recordou que o plan que rematou no 2013 logrou que se universalizase o servizo de banda larga básica e que crecese en máis dun 50% a porcentaxe de fogares galegos con Internet contratado. Ademais, a Xunta reforzou a infraestrutura do operador público Retegal, con preto de 2.000 quilómetros de fibra óptica e máis de 270 torres de telecomunicación e lexislou para favorecer o despregamento de redes de banda larga coa primeira Lei galega de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións
Feijóo recordou, na súa intervención na Noite Galega das Telecomunicacións, o grande avance que teñen experimentado as telecomunicacións e a tecnoloxía desde o ano 1996, cando se celebrou a primeira edición deste evento. “Nestes 20 anos, o sector TIC volveuse un dos elementos clave da economía galega”, recordou.
“Ao igual que nin sequera a previsión máis optimista de 1996 tería adiviñado como sería o mundo en 2015 —dixo o presidente—, augurar como será Galicia en 2035 é un atrevido exercicio de imaxinación”. Para adaptarse aos avances do futuro, a Xunta está pulando por un servizo de Internet sen fisuras en Galicia e un largo de banda que se vaia adaptando ás novas necesidades, coma as que marca o desenvolvemento da Internet das cousas.
Axenda Dixital 2020
Por último, Feijóo reivindicou a Axenda Dixital 2020, o documento que guía a política tecnolóxica da Xunta para o próximo lustro. Este documento busca potenciar o desenvolvemento económico, garantir a sustentabilidade do estado do benestar do século XXI, desenvolver iniciativas de aprendizaxe e cultura dixitais e impulsar unha economía intensiva en creatividade, talento e innovación. Para todo isto, mobilizará 950 millóns de euros de fondos públicos, que se sumarán a outros 600 de mans privadas. “Con estes 1.500 millóns de euros seguiremos impulsando o progreso tecnolóxico de Galicia”, recalcou o presidente.