Saturday 16 de November de 2024

Avanza a municipalización do Servizo de Axuda no Fogar da Pobra


A corporación municipal da Pobra do Caramiñal debaterá no pleno extraordinario deste 27 de outubro a aprobación da memoria para a municipalización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), acompañada do seu homólogo da Participación Veciñal, Xabier Santos (BNG), fixo fincapé na importancia que ten este proceso para o goberno local, para así apostar por un servizo público, sostible e de calidade.

A memoria foi elaborada por unha comisión formada por dous cargos políticos e catro persoas técnicas do Concello; estudo que conclúe que “a xestión directa é moito máis sustentable e eficaz”, ademais de que, en termos económicos, suporá un aforro en 2023 de 94 570’36 euros.

Na súa dimensión social, a edil incide en que é un servizo “moi sensible” debido a que a súa finalidade é o coidado de persoas dependentes. A municipalización, segundo xustifica, traducirase na súa xestión directa, pois é unha prestación que actualmente se brinda de maneira mixta: con seis traballadoras da Administración local e máis de vinte contratadas por unha empresa privada. Isto suporá mellora-la estabilidade laboral das empregadas externas ao se integraren no cadro de persoal público, ademais dun repartimento equitativo da carga de traballo. Habilitarase así un software de xestión e unha aplicación para a comunicación das familias e do persoal dos Servizos Sociais. Redundará, polo tanto, tamén positivamente para as persoas beneficiarias, pois as auxiliares non rotarán, polo cal se consolidará a relación persoa coidadora-persoa usuaria.

Rematou a súa intervención cun dos puntos que recolle a memoria: “A xestión directa pola propia Administración local implica e engade proximidade e calidade ao servizo, posto que se unifican características e prestacións, homoxeneizando o servizo para todas e tódolos usuarios, ademais de consegui-la estabilización do persoal que presta o servizo, o cal leva a unha maior calidade de atención a usuarias e usuarios mediante a consolidación das relacións coas auxiliares.”

Unha vez ratificada a memoria na sesión plenaria, someterase a un período de 30 días de exposición pública, para aproba-la definitivamente no Pleno e inicia-la subrogación das empregadas do ámbito privado. Estímase así que a xestión directa estea xa en marcha a inicios do vindeiro ano.