Destinaranse 250.000 euros a 19 proxectos e entidades de carácter deportivo e 100.000 a 16 de carácter cultural que fomenten a inclusión
A alcaldesa, Inés Rey, destacou que a sinatura dos convenios repercutirá no beneficio directo de máis de 7.000 persoas, creando unha Coruña más inclusiva e igualitaria
O Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, asinou hoxe convenios de colaboración con entidades sociais e culturais para a posta en marcha de 35 proxectos sociais que favorecerán a inclusión social a través de iniciativas culturais e deportivas. A alcaldesa e presidenta da Fundación Emalcsa, Inés Rey, presidiu o acto de sinatura acompañada de varios representantes das entidades beneficiarias e patrocinadores do evento; a concelleira de Benestar Social e vicepresidenta da Fundación Emalcsa, Yoya Neira; e o director da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar.
O programa ‘Deporte Solidario e Inclusivo’, promovido pola Fundación Emalcsa, destina axudas para a promoción da igualdade de oportunidades, a integración social e o fomento de hábitos de vida saudables a través do deporte. Con esta novena convocatoria, a alcaldesa destacou que o Concello “continúa avanzando no seu compromiso co deporte e especialmente coa inclusividade no deporte, ampliando os recursos das entidades para que poidan desenvolver os seus proxectos”.
Nesta convocatoria destínanse un total de 250.000 euros a proxectos con base deportiva enfocados na integración de colectivos vulnerables. Desta forma, a achega total da Fundación Emalcsa desde a creación do programa de axudas Deporte Solidario e Inclusivo en 2013, alcanza os 2 millóns de euros; e conta coa colaboración de Gadisa como patrocinador do programa desde o ano 2017.
Inés Rey destacou que “os 19 proxectos seleccionados nesta convocatoria impactarán de forma directa en máis de 5.870 persoas, que participarán durante os próximos meses en numerosas actividades de carácter deportivo”. Ademais, gran parte dos proxectos seleccionados incorporan oferta de prazas de carácter gratuíto nas escolas, campamentos e demais actividades habituais dos clubs, dirixidas principalmente a menores en situación de exclusión económica. “Un total de 388 prazas que serán xestionadas polo persoal de Servizos Sociais Municipais ás que quero agradecerlles o seu traballo polo intenso labor que fan día a día” explicou a rexedora.
Convocatoria ‘Cultura accesible e Inclusiva’
O Concello tamén reafirma a súa aposta polo acceso á educación e desenvolvemento artístico e cultural a través da 7ª edición do programa de ‘Cultura Accesible e Inclusiva.
Todas as iniciativas seleccionadas nesta convocatoria comparten a vocación de traballar pola inclusión de colectivos discriminados socialmente por motivo de discapacidade ou baixos recursos económicos, ofrecéndolles espazos culturais seguros e os medios necesarios para mellorar o seu benestar e desenvolvemento persoal.
A alcaldesa puxo este programa como exemplo de alianza entre as entidades públicas e privadas, “unha colaboración que deberiamos manter en moitos outros ámbitos sempre en favor dos coruñeses e coruñesas”. A rexedora destacou a contribución da Fundación María José Jove e Vegalsa como mostra da relevancia da colaboración entre institucións para impulsar proxectos tan significativos como os seleccionados nesta edición.
Este ano serán 16 os proxectos sociais de entidades culturais da cidade que se porán en marcha. Estes dispoñen de máis dun millón de euros de orzamento global anual e manteñen activas aproximadamente 1800 persoas entre as que se atopan as voluntarias, voluntarios e colaboradores das entidades.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou que a sinatura dos convenios repercutirá no beneficio directo de máis de 7.000 persoas. “Todas elas participarán en actividades culturais e deportivas, dous eixes fundamentais no noso modelo de cidade e excelentes aliados para continuar creando unha Coruña más inclusiva e igualitaria”, concluíu.