Turismo de Santiago continúa esta semana en Polonia coa súa intensa campaña de promoción internacional de cara a temporada do próximo ano, co obxectivo de consolidar a forte reactivación do turismo foráneo que se está vivindo neste ano 2022, no que nos meses de maio, xuño e setembro as pernoctacións internacionais superaron ás de turistas españois.
Dende comezos de setembro, Turismo de Santiago participou na feira de turismo de luxo ILTM Asia Pacific, adicada ao segmento do turismo de luxo dos mercados asiáticos e de Oceanía; a feria Jata de Tokio, a máis importante das feiras turísticas que se celebran para o mercado xaponés; e as Spain Tourism Summit, unhas xornadas específicas organizadas por Turespaña para os mercados de Brasil e Arxentina.
Nesta semana, Turismo de Santiago está participando nunhas xornadas de comercialización organizadas por Turespaña para o mercado polaco, con obradoiros de traballo en Varsovia e Cracovia. Nestas xornadas participa un público profesional interesado en organizar viaxes a España: Asistirán axentes de viaxes, touroperadores e prescritores de viaxes.
O mercado polaco é un mercado cada vez máis interesado en viaxar a España. Nos últimos anos o mercado emisor polaco mostrou un gran dinamismo e crecemento, alcanzándose en 2019 os 13,5 millóns de viaxes ao estranxeiro. A pesar do impacto da pandemia, en 2021 recuperáronse un 60%das chegadas a España respecto de 2019.
No 2021 Polonia foi o séptimo país con maior número de peregrinos, tras España, Portugal, Italia, Alemaña, Estados Unidos e Francia, un dato que amosa o coñecemento e o interese que existe por Santiago no país. O obxectivo de Turismo de Santiago é ampliar e mellorar o posicionamento de Santiago no mercado polaco como unha Cidade Patrimonio da Humanidade e un destino turístico que vai máis alá do Camiño de Santiago, para incrementar o número de turistas polacos na cidade.