A actuación consistiu na creación dunha nova parada de autobús, a elevación dos pasos de peóns e a adaptación á normativa de accesibilidade en beirarrúas
O consistorio acomete novos traballos na rúa Maxistrado Manuel Artime, na avenida da Concordia e en Casanova de Eirís
O Concello da Coruña rematou a creación dunha nova parada de autobús e diversas melloras de accesibilidade no cruzamento entre a avenida de Fisterra e o Paseo das Pontes. Esta actuación forma parte dun proxecto de mellora de accesibilidade en itinerarios peonís de varios puntos da cidade que resultou gañador dos Orzamentos Participativos.
Os traballos consistiron na instalación dunha nova parada de autobús nun lugar máis accesible, a mellora da accesibilidade nos itinerarios peonís, a elevación dos pasos de peóns, a mellora do pavimento das beirarrúas e da calzada e a renovación das redes de saneamento municipais. Tamén se recolocaron as lámpadas e os semáforos existentes.
A solución adoptada mediante a elevación dos pasos de peóns permite a continuidade dos itinerarios peonís. Nas zonas dos pasos de peóns ampliouse o ancho das beirarrúas para mellorar a visibilidade. Instalouse tamén novo mobiliario urbano e melloráronse as zonas verdes da contorna.
O Goberno de Inés Rey continua executando na cidade melloras de accesibilidade. Xa están practicamente executados outras dúas actuacións para elevar dous pasos de peóns. Un sitúase na rúa Maxistrado Manuel Artime, á altura do número 20, e supón unha mellora do itinerario peonil. O segundo está na avenida da Concordia, fronte ao CEIP Juan Fernández Latorre. Na contorna desta actuación tamén está proxectada a reordenación do cruzamento entre a rúa Bergondo e a avenida Casanova de Eirís. Implantarase unha glorieta e melloraranse as condicións de accesibilidade. Actuarase tamén sobre o firme de toda a contorna e plantaranse novas árbores. Esta actuación ten un orzamento de 193.000 euros