Friday 22 de November de 2024

As crianzas participantes na Pequetroula da Pobra festexarán o Samaín


O Samaín centrará a programación da Pequetroula nesta fin de semana. As actividades desenvolveranse nos días 29 e 30 de outubro e seguirán a temática propia destas datas para o desfrute da rapazada: obradoiros de tatuaxes, pintacaras, xogos terroríficos, inchable ou entrega de larpeiradas son algunhas das propostas. Para contribuír a crear unha atmosfera de medo, as crianzas tamén poderán asistir disfrazadas.

O espazo habilitado para tal fin é o toldo instalado na praza Alcalde Segundo Durán. O horario definido para os sábados é de 11.30 a 14.00 e de 17.30 a 21.00 horas, mentres que nos domingos se establece dende as 12.00 ata as 14.30 horas.

A Pequetroula é unha campaña posta en marcha pola Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), para fortalece-lo sector comercial a través da conciliación, contando coa colaboración do DEAN.shop eCommerce e da Asociación de Empresarios. Esta iniciativa realízase durante as fins de semana comprendidas entre a de 8 de outubro e 18 de decembro, atendida por monitorado e especialistas en distintas materias.

Para acceder a este servizo é preciso presentar un bono Pequetroula que se pode conseguir online a través de www.deanshop.es ou presencialmente na oficina do turismo, con atención ao público de luns a venres, de 09.30 a 14.30 horas. Tamén se habilita a posibilidade de facelo na propia praza media hora antes do inicio de cada sesión. Pode facer uso del tanto a veciñanza da localidade coma a doutros municipios.

Posteriormente, o bono poderase trocar por descontos en numerosos comercios e locais hostaleiros da vila que contan co distintivo.

O prezo destes bonos por sesión distribúese da seguinte maneira: na quenda de mañá, 7 euros pola entrada dun/dunha cativo/cativa; pola tarde, 10 euros; e, coa opción de mañá e tarde, 15 euros. A contía total verase rebaixada pola participación de irmás e irmáns e será de balde para o/a terceiro/a.