A iniciativa, gratuíta para os establecementos adheridos á Rede Stelar, comezou a impartirse hoxe no Pazo de Mariñán e inclúe sesións práticas ata o 14 de novembro en Pontedeume, Betanzos e Santiago
As instalacións do Pazo de Mariñán (Bergondo) acolleron esta mañá a sesión teórica do curso “Rexeduría de pisos: gobernanta, camareiros/as de pisos e técnicas de limpeza en aloxamentos”, unha iniciativa formativa gratuíta organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña que está dirixida a todos os establecementos da Rede Stelar que prestan servizo de aloxamento aos peregrinos. Trátase da primeira iniciativa organizada ao abeiro da Rede Stelar, unha rede de trinta establecementos turísticos que apostan pola excelencia e a calidade na atención ao peregrino no Camiño Inglés e que foi creada en xullo de 2021.
A sesión teórica desta mañá foi dirixida por Beatriz Nieto, profesional con máis de 20 anos de experiencia como gobernanta e subgobernanta de aloxamentos turísticos. Durante as cinco horas do curso impartíronse técnicas e consellos prácticos para a limpeza diaria dos cuartos e como optimizar o tempo e os recursos á hora de limpar a cama, o baño e o chan. Así mesmo, déronse a coñecer técnicas e posturas para non danar a columna e outros consellos de prevención de riscos laborais.
Por outra banda, informouse das funcións tanto da gobernanta como dos camareiros/as de pisos, facendo fincapé no obxectivo final: a mellora da calidade do servizo e atención ao peregrino/a. Finalmente, Beatriz Nieto analizou aspectos básicos de decoración e alumeado dos cuartos e das zonas comúns, así como os accesorios e produtos de limpeza para cada superficie.
Sesións prácticas
Unha formación teórica que agora o alumnado porá en práctica nunha das tres sesións convocadas en tres establecementos da Rede Stelar: no Hotel Montebreamo de Pontedeume (7 de novembro), no Hostal Pórtico de Betanzos (8 de novembro) e no Hotel Alda San Carlos de Santiago de Compostela (14 de novembro). Cada persoa asistente ao curso asistirá unicamente a unha das sesións prácticas, de acordo coa localidade ou data que mellor se adapte ás súas necesidades.
A Rede Estelar é un proxecto promovido pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña, para conformar unha rede de establecementos turísticos en cada un dos municipios polos que pasa esta ruta Xacobea. Uns locais que deben apostar pola excelencia e a calidade na atención ao peregrino, para o que deben cumprir unha serie de requisitos relacionados coa sustentabilidade, o emprego de produtos agroalimentarios e pesqueiros quilómetro cero, a calidade no servizo… Nesta primeira fase participan 30 establecementos do sector da restauración e o aloxamento, se ben dende a Asociación traballan co obxectivo de abrir a Rede Stelar a outro tipo de empresas: ocio e tempo libre, turismo náutico, artesanía, produtores locais…
A Asociación de Concellos do Camiño Inglés está constituída por dezaseis municipios polos que transcorre esta ruta xacobea: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.