Friday 22 de November de 2024

A Policía Autonómica esclarece en colaboración coa UIFO un incendio forestal intencionado no concello coruñés de Ribeira


— O lume, rexistrado o pasado setembro, afectou 6.800 metros cadrados de superficie arborada no lugar de Palmeira

— No que vai de ano, a Policía Autonómica leva detidas ou investigadas 50 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Santiago de Compostela, en colaboración coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e os medios de extinción do Distrito Forestal IV O Barbanza, veñen de esclarecer o incendio forestal rexistrado o pasado 25 de setembro no concello coruñés de Ribeira. O lume produciuse no lugar de Palmeira e afectou 6.800 metros cadrados de superficie arborada.

A investigación puxo de manifesto que se tratou dun incendio provocado de xeito intencionado, iniciado en horas nocturnas a carón dun poste de formigón situado en fronte dunha vivenda. Como resultado, tomóuselle declaración a unha persoa que mantén disputas cos propietarios dos terreos queimados, como presunta autora do lume.

A maiores, tras a análise da actividade incendiaria nas inmediacións do domicilio da persoa detida e do estudo das declaracións das testemuñas e veciñanza, concluíuse que os nove lumes anteriores orixinados na zona tiveron orixes similares e poderían ter a mesma autoría.

O atestado policial foille remitido ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Ribeira.

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva detidas ou investigadas 50 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.