Excéntricas: O PORCO DE PÉ
Sábado 29 de outubro, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal.
Entrada: 3€ (á venda no LOCAL SOCIAL)
Autor: Vicente Risco
Dirección: Quico Cadaval
Reparto: Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo
Dramaturxia: Pepe Sendón e Quico Cadaval
Duración: 80 minutos
Público adulto
O porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostrar a súa superioridade sobre os seres humanos. O que presenta Excéntricas é un teatro de barracón, aquel que na infancia nos fascinaba e nos asustaba a partes iguais. Un farol mortizo, un chan de serraduras, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, a finxirse un ser humano con tanta graza, que resulta imposible distinguilo.
Vai para cen anos, Vicente Risco detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus a confundirse cos propios burgueses. A divertidísima sátira do ourensán, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabaret, ten hoxe máis vixencia ca nunca. Nesta viaxe á fascinante década dos anos 20 do século XX, pasarán como nunha lanterna máxica, anarquistas, esportistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vangardistas, caciquistas, futuristas, pasadistas e presentistas.
Producións Teatrais Excéntricas inventa, para reinventar este retrato de NÓS, un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón.