O percorrido polo xacemento foi guiado pola arqueóloga Puri Soto.
Preto de cen alumnos de 1ª de ESO e da materia optativa de Patrimonio Artístico de 2º de Bacharelato do IES Agra de Leborís visitaron hoxe o Castro de Montes Claros coa guía da arqueóloga Puri Soto. Esta proposta educativa complementaria foi organizada polo Concello.
A visita realizouse en horario lectivo e en dúas quendas ao longo desta mañá. Os rapaces asistentes percorreron todo o castro para coñecer de primeira man o estado actual das diferentes zonas do xacemento e o resultado das primeiras escavacións realizadas. Tamén puideron descubrir a historia do castro, o por que da súa situación xeográfica, o modo de vida e costumes das persoas que alí residían e mesmo as lendas que o rodean.
O gran castro ártabro de Montes Claros, pertencente á Idade de Ferro, é un dos de maior tamaño entre os que están catalogados en toda Galicia. O Concello completou a adquisición da totalidade dos terreos que albergan o xacemento en 2019. Nos últimos anos, e sempre baixo a xestión municipal, realizáronse unha serie de intervencións dirixidas á súa conservación e posta en valor, centrándose principalmente en traballos de natureza medioambiental consistentes na limpeza e eliminación de eucaliptos para, a continuación, levar a cabo as primeiras escavacións arqueolóxicas que deixaron á vista parte dos muros de pedra e fixeron aflorar fragmentos de pezas cerámicas.
No momento actual o Castro de Montes Claros pode ser visitado por calquera cidadán que así o desexe. Está situado entre as parroquias de Vilaño e Cabovilaño a unha altitude de 216 metros.