Friday 22 de November de 2024

A corporación municipal aproba unha modificación de crédito de 740.000 euros para destinar o remanente de tesourería de gastos xerais a obras e servizos


• A votación tivo lugar durante a celebración dun pleno extraordinario celebrado este martes, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello

• A proposta, elevada ao pleno polo goberno local, aprobouse cos votos a favor do PP e a abstención do BNG e o PSOE

• Entre as obras que se acometerán destan a mellora do saneamento na parroquia de Traba e no casco urbano de Laxe por un total de 576.453,74 euros

A corporación municipal de Laxe aprobou este martes en pleno extraordinario, e por maioría, unha modificación inicial de crédito de 739.405,81 euros para destinar o remanente de tesourería para gastos xerais do pasado exercicio a obras e servizos. A proposta, elevada ao pleno polo goberno local, aprobouse cos votos a favor do PP e a abstención do BNG e o PSOE. A sesión tivo lugar no Salón de Plenos do Concello ás 20:00 horas.

Entre as obras que se acometerán con esta modificación destacan dúas: o saneamento, por 449.995,13 euros, de varios núcleos rurais na parroquia de Traba e a mellora das infraestruturas de saneamento no casco urbano de Laxe por 126.458,61 euros.

Desta modificación de crédito tamén se beneficiarán actuacións relativas á mellora de accesos a núcleos de poboación e limpeza de viais, abastecemento de auga, acondicionamento de camiños veciñais ou canalizacións de pluviais.

Desde o Concello móstranse satisfeitos coa aprobación desta modificación xa que “os proxectos que se acometerán son verdadeiramente importantes para mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza, sobre todo a que reside no rural”.