O calendario cultural da Pobra do Caramiñal conta para o mes de novembro cun ciclo teatral que levará ás táboas do Elma un total de catro compañías de renome no panorama galego coas súas respectivas funcións. Todas elas serán os domingos, ás 19.00 horas, para así facilita-la asistencia da veciñanza, ademais de que a entrada é libre ata completa-la cabida. “Apóstase unha tempada máis polas artes escénicas como un mecanismo dinamizador da vida cultural na época outonal dada a boa acollida por parte da sociedade en anteriores anos”, en palabras da concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), quen estivo acompañada pola técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, durante o acto de presentación, no cal tamén adiantaron que o mes de xaneiro se destinará ao teatro afeccionado e o de febreiro ao escolar.
A mostra arranca no día 6 con De algo hai que morrer, de A Laberca; unha conferencia fúnebre-cómico-teatral na cal dous prestixiosos e peculiares científicos, Jeckill e Hyde, divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta toda a poboación: a morte. Ámbolos dous dramatizarán e darán resposta a preguntas relacionadas coa cuestión principal sempre dende a perspectiva humorística.
Redrum Teatro representará Un home con lentes de pasta no día 13. A historia preséntanos a Sheyla, quen acaba de ser abandonada pola súa parella. Laura e Fer quérena animar para que aproveite a oportunidade e faga realidade os desexos que aparcara: escribir. Traerán a cear a Guillerme, o poeta capaz de namorar calquera cuns breves versos. Pero a el non lle van satisface-las conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren, as súas vidas penden dun fío, afóganse na dúbida, algo que Guillerme non vai desaproveitar.
No día 20 será a quenda de A Panadaría con As que limpan, que parte dun letreiro pendurado no manubrio dun cuarto no que se le “Por favor, arranxe o cuarto.” Ao regreso da praia, as camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. A obra fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos.
A peza Pirolíticos, de Mofa & Befa, pechará o cartel no día 27. Trátase esencialmente dunha guía con lentes violeta que, seguindo a estrutura de sketches, pretende reflexionar sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, recoñece-la súa posición de privilexio e amosa-las contradicións que estas influencias provocan no día a día, poñendo o foco en todo o momento sobre un home que simpatiza co feminismo e aspira a vivir en consonancia con el, pero que ten que enfrontar un machismo profundamente arraigado.
O dito programa está organizado pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.