A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores as contribucións especiais para a ampliación do servizo de extinción de incendios
A Xunta de Goberno Local deu luz verde este mércores ao proxecto da ordenanza fiscal reguladora das contribucións especiais para a ampliación do servizo de extinción de incendios, que neste exercicio anual incrementa a súa partida orzamentaria ata 1.196.489,70 euros, con vistas a mellorar os equipamentos do equipo de profesionais do parque municipal de Bombeiros.
Ditas contribucións son recadadas grazas ao tributo asumido polas empresas aseguradoras e en base ao acordo asinado entre o Concello e a Gestora de Conciertos para la Contribución a los Servicios de Extinción de Incendios. A cuantía máxima que se pode financiar con cargo ás contribucións especiais é dun 90 %, de forma que o restante 10 %, como mínimo, pode financiarse polo Concello a través de recursos propios ou préstamos.
Neste sentido, a ordenanza deste ano 2022 contempla a adquisición de novos vehículos de intervención, por valor de 354.555,56 euros. Ademais, financiarase con 250.000 euros a compra dun vehículo guindastre-portacontedores. Por outra banda, subministraranse un vehículo lixeiro e unha ambulancia para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, o que implicará un investimento de 140.934,14 euros.
En paralelo, tamén se porá en marcha un plan de mellora integral no parque municipal de Bombeiros, sito no polígono de Agrela, plan que abrangue cinco medidas: tarefas de pintado no parque; instalación de placas solares para acadar unha maior eficiencia enerxética; execución dun muro de protección exterior para prácticas; instalación dun sistema de calefacción nas aulas do parque municipal; e adquisición de novos tobogáns de descenso rápido. O investimento é de 212.000 euros.
A maiores, adquiriranse novos equipamentos de protección individual, materiais de rescate e subministros de sinalización, así como de excarceración eléctrica para actuación en caso de accidentes de circulación, o que implicará un investimento de 159.000 euros.
Por último, destinaranse 80.000 euros á financiar a adquisición dos equipamentos de xestión informática do parque municipal de Bombeiros (50.000 euros) e novo mobiliario para mellorar o recinto (30.000 euros).
Consultoría de mobilidade para o seguimento da futura Zona de Baixas Emisións
Por outra banda, o Goberno municipal tamén aprobou hoxe a adxudicación dun servizo de asistencia técnica que levará a cabo un seguimento e análise do parque circulante de vehículos, así como unha identificación de itinerarios alternativos resultante de macrosimulacións de tráfico.
Esta iniciativa, promovida pola área de Mobilidade no contexto das medidas a tomar ante a futura implantación dunha Zona de Baixas Emisións (ZBE) na cidade, complementa o proceso de obtención dun grande volume de información orientado a reforzar o coñecemento dos datos diarios de circulación na cidade. A actuación forma parte da estratexia establecida polo Goberno de Inés Rey para a mellora da fluidez do tráfico e da calidade urbana.
O servizo, que implicará un investimento de 174.400,65 euros para un contrato de 18 meses, adxudicouse á empresa Antea Iberolatam.