O ciclo Contando Ciencia, que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino, trae esta semana a Fene ao investigador do Sergas Manuel Collado Rodríguez. A cita será o xoves, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Esta segunda charla do ciclo xirará en torno á “procura da fonte da xuventude”.
Manuel Collado Rodríguez é investigador do SERGAS no Hospital Clínico de Santiago de Compostela onde dirixe o grupo de “Senescencia celular, cancro e avellentamento”. Doutor pola UAM, realizou estadas posdoutorais no Ludwig Institute for Cancer Reseach de Londres, na NYU Medical School e no Memorial Sloan Kettering Center de New York.
Autor de numerosos artigos de investigación en revistas científicas de alto impacto, o seu labor científico desenvolveuse fundamentalmente na área do cancro e en particular en mecanismos de supresión tumoral, fundamentalmente no proceso de sencescencia tumoral. Recentemente o seu traballo trata de entender a implicación de células nai adultas en cancro e avellentamento.
Trala conferencia de Manuel Collado Rodríguez deste xoves, o ciclo Contando Ciencia continuará o 17 de novembro cunha charla de José Edelstein, profesor de física teórica na USC, investigador e divulgador científico, sobre os “Buratos negros”. Contando Ciencia é un programa que botou andar o curso pasado e que afronta agora a súa segunda edición co obxectivo de seguir achegando a ciencia á poboación en xeral.