Friday 22 de November de 2024

Finalizan as obras de continuación da senda peonil de Viadeiro


• Estes traballos permitiron completar os xa realizados nun tramo de 300 metros de lonxitude entre eles núcleos de Outeiro e Viadeiro.

• A obra contou cunha subvención da Consellería de Cultura e Turismo para a mellora paisaxística no Camiño de Santiago.

O Concello de Miño finalizou as obras de continuación da senda peonil de Viadeiro, uns traballos para mellorar a seguridade dos viandantes no núcleo de Viadeiro, na parroquia de Castro, en paralelo á estrada por onde transcorre o Camiño Inglés.

A actuación, que se desenvolveu nun tramo de 500 metros de lonxitude, deu continuidade á realizada nun tramo previo de máis de 300 metros entre o núcleo de Outeiro e Viadeiro. Do mesmo xeito que no primeiro proxecto, os traballos incluíron a delimitación da zona peonil, a canalización de augas pluviais e a instalación dun bordo de seguridade para viandantes e peregrinos. Foi unha obra de baixo impacto xa que o material utilizado para a senda tamén é de formigón lavado, mantendo un criterio estético acorde co itinerario compostelán.

Para a realización deste proxecto o Concello de Miño tramitou unha axuda aberta da Consellería de Cultura e Turismo para a mellora paisaxística no Camiño de Santiago, que sufragou ao redor do 40% do orzamento total da obra.