A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá a recepción oficial aos catro docentes e un coordinador que, procedentes de Turquía viñeron a Narón para coñecer o traballo que a localidade desenvolve en materia de Educación Viaria. Xunto co edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, e os responsables do equipo de Educación Viaria de Narón, Sonia López e Pedro Caneiro, a rexedora local conversou con Mehmet Melih, Ömer Gökdogan, Bülent Kör e Derya Yolcu, directores de centros de ensino turcos, e co coordinador da comitiva, Hamza Aydogdu.
Chegaron a Narón o pasado domingo e permanecerán ata este venres na cidade. Pedro Caneiro e Sonia López encarganse de explicarlles os programas que se desenvolven na cidade e a aposta do Concello pola seguridade e a educación viaria dende un punto de vista multidisciplinar e transversal, así como o labor que levan a cabo día a día nos centros de ensino da cidade. Ao longo da semana, entre as 8.30 e as 14.00 horas os responsables do equipo de Educación Viaria e os docentes turcos realizan diferentes visitas a centros de ensino da cidade para participar en diferentes actividades. Na xornada de onte acudiron ao colexio Virxe do Mar para asistir a un obradoiro de bicicletas, nas que se explica ao alumnado de terceiro a sexto de Primaria o mantemento básico, e outro de cascos, para decoralos con alumnas e alumnos de segundo curso de Primaria.
A programación deseñada dende o Consistorio incluíu na xornada de hoxe unha visita ao colexio da Solaina, para ver os corredores activos de Infantil e Primaria, nos que os menores realizan actividades físicas no corredor da escola, brindando información sensorial e de aprendizaxe aos menores. Así mesmo, acudiron a un obradoiro de robótica aplicada á educación viaria e coñeceron circuítos interiores e exteriores de educación viaria.
Na xornada de mañá o colectivo desprazarase ao colexio de Piñeiros, donde se programou unha saída en bicicleta con alumnado de Primaria a un tanque de tormentas, un tramo da ruta dos muíños, o magnolio centenario de Xuvia e a zona industrial da citada parroquia naronesa.
O xoves 27 a cita será no colexio Ponte de Xuvia, donde os docentes turcos coñecerán como funcionan os programas Bica e Arrinca, os aparcadoiros de proximidade e o Camiño Escolar Seguro. A maiores, tamén coñecerán a materia que se aborda sobre educación viaria en Primaria, o programa metrominuto como ferramenta pedagóxica para acadar certos obxectivos cos escolares, e a participación no proxecto internacional “A cidade dos/as nenos/as”. A programación rematará cun programa de radio sobre mobilidade realizado no centro.
Os representantes turcos aseguraron estar moi sorprendidos do traballo que se está realizando na cidade, con programas novidosos para eles. A alcaldesa, pola súa banda, desexoulles unha boa estadía na cidade e interesouse polas súas impresións sobre o que levaban visto dende onte. “Espero que aproveitedes ao máximo as visitas aos centros para que comprobedes de primeira man o traballo que levamos facendo dende hai moitos anos neste concello e que vos sexa de utilidade para aplicar nos centros de ensino de Turquía nos que traballades”, asegurou Ferreiro.