O teatro regresou á sala Iconografía Contemporánea do Museo Valle-Inclán coa función O avó e outras historias para contar?, da man de Charo Pita, dirixida a alumnado da primaria da Pobra do Caramiñal ao abeiro das XXIV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán. A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), recibiu a rapazada no inicio das sesións orientadas neste 25 de outubro ao CEP Salustiano Rey Eiras. Baseada en O meu bisavó, a dita actividade repetirase no día 27 co CEP Pilar Maestú Sierra e, novamente, co xa referido centro educativo.
O eido teatral proseguirá no venres 28, ás 20.30 horas. Aberto á cidadanía en xeral, De Tal Cuento Tal Astilla levará De paxaros na cabeza á institución museística. Esta convocatoria das xornadas chegará á súa fin no sábado 29, a partir das 12.30 horas, coa tradicional ofrenda cívica onda o monumento do literato no Cantón da Leña, que incluirá unha lectura pública de textos e estará amenizada pola Escola de Baile e Pandeireta Caramiñas da Asociación Amas de Casa. Haberá tamén unha ruada por espazos céntricos da vila coa música de Os Caraveiros.