A Casa da Mocidade da Pobra do Caramiñal volve acubillar dúas novas accións formativas. A concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), desprazouse neste 25 de outubro ata a referida dependencia municipal para asistir á inauguración doutra edición do curso de iniciación á lingua de signos que conta coa participación dun total de 25 persoas. A dita acción está organizada pola Concellaría do Desenvolvemento Local, en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns, para a impartición de nocións básicas sobre a comunicación mediante a lingua de signos e o fomento da inclusión.
Tamén arrancou a formación sobre manipulación de cargas con carretas elevadoras, traspalés e de man cunha decena de persoas inscritas. Trátase da terceira acción do itinerario formativo teórico-práctico impulsado xunto coa FSC Inserta, co cofinanciamento da Fundación ONCE e do Fondo Social Europeo.