Friday 22 de November de 2024

Charla sobre toponimia o venres na Fábrica


O filólogo Vicente Feijoo, coordinador técnico do seminario de onomástica da RAG, ofrecerá unha conferencia sobre a orixe e o significado dos topónimos galegos así como do proxecto “Galicia Nomeada”. Será este venres día 28 de outubro, ás 20.00 horas, na Fábrica.

As 200 persoas que participan nos obradoiros de memoria que se realizan en todas as parroquias desenvolveron ao longo deste ano un traballo de investigación sobre a toponimia das súas localidades. Partindo da memoria e dos recordos, xunto coa procura de documentación e con entrevistas ás persoas máis maiores dos lugares, recompilaron un ampla relación de nomes históricos de diversos lugares, fontes, leiras, lavadoiros, camiños, pedras…

A toponimia forma parte dos elementos culturais que a Unesco denomina patrimonio inmaterial dos pobos. O carácter permanente dos topónimos fainos monumentos históricos, que se manteñen en pé a través dos séculos e que funcionan como referentes compartidos da comunidade, como sinais da identidade colectiva.