A festa familiar celebrarase o luns 31 de outubro con obradoiros, xogos e a colocación de cabazas na contorna do centro cultural
O Concello e máis a ANPA do CPI de San Sadurniño van organizar o Samaín para a tarde e a noitiña do luns 31 de outubro, véspera do festivo de Todos os Santos. A partir das 16:00h, na Casa da Cultura haberá obradoiros, merenda a base de chocolate con biscoito e, como remate, a colocación das cabazas pola contorna. Para participar hai que ir anotándose no 616 332 919 ou mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.
As actividades están pensadas tanto para a rapazada como para a mocidade e persoas adultas que queiran pasar unha tarde cargada da maxia dunha xornada en que, segundo aseguran algúns investigadores das culturas indoeuropeas, se dedicaba a celebrar a chegada do inverno e a apertura por un día das portas do Alén.
O programa preparado polo Concello comprende xogos arrepiantes, un obradoiro para pintar a cara e outro de labrado de cabazas -o material pono Cultura- co obxectivo de dispoñelas despois pola praza do antigo Concello e outros puntos arredor da Casa da Cultura. A tarde rematará cunha merenda a base de biscoito con chocolate. Ademais, a recentemente creada asociación de nais e pais do CPI tamén se encargará de encher o lugar de meigas e pantasmas.
As familias de nenas e nenos que queiran vir e por calquera motivo non teñan medio de se desprazaren, poden comunicarllo tamén ao departamento de Cultura para poñerlles transporte, coa correspondente autorización das nais e pais.
Desde o Concello anímase á veciñanza e a todas as entidades do municipio a manter viva a tradición das caveiras acesas na véspera de Todos os Santos. Por iso, quen coloque a súa cabaza pode enviar unha foto ao whatsapp do 616 332 919 para compoñer con todas as imaxes recibidas unha galería no Facebook municipal.
Outras actividades en días anteriores e posteriores
Cómpre lembrar que dous días antes, o sábado 29 de outubro, teremos tamén na Casa da Cultura -19:00h- a obra “Crónicas do Paraíso”, de Sarabela Teatro. Trátase dunha peza ben acaída a estas datas, xa que nela se adaptan as “Crónicas do Sochantre” nas que Álvaro Cunqueiro conta as historias de misterio e crime que lle narran cinco defuntos a Charles Anne de Crozon, sochantre de Pontivy (un sochantre é quen se encarga de coordinar e dirixir o coro nos oficios relixiosos), mentres viaxan polos camiños da Bretaña.
Tamén o sábado 29, Igrexafeita celebrará o seu magosto veciñal no local social da Torre a partir das 20:00h servindo castañas, xamón escaldado e sobremesa (gratis para persoas socias e 5€ para convidadas). A noite rematará coa actuación do mago Óscar Fernández.
Dous días despois do Samaín, o día 2 de novembro, abrirá na Galería da Casa do Concello a exposición “Meigas, sabias e mulleres boas” con pezas cerámicas da fenesa Carme Romero, na que se reivindica a meiga -menciñeira, compostora, conselleira ante desasosegos e incertezas, etc.- como figura fundamental na sociedade tradicional galega que nada ten que ver coas malvadas bruxas asentadas no imaxinario colectivo por medio de libros e películas.
Que é o Samaín?
O tempo atmosférico estanos amosando estes días que xa é outono. E tamén o fan as castañas que alfombran os soutos e os cogomelos que empezan a agromar en campos e montes. Só falta que veña algo máis de frío para dar por cumprido o cambio de estación, algo que ademais aquí en Galicia se vén celebrando desde antigo honrando aos defuntos e armando magostos, esfollas e outros encontros veciñais, a pesar de que no último século as tradicións -salvo as relixiosas- case desaparecesen e, por se fose pouco, o novo impulso que colleron recentemente veu dado en boa medida por unha moda comercial importada que ameaza os referentes culturais autóctonos.
Como queira que sexa, as datas próximas ao remate de outubro e o comezo de novembro -cos seus días de Santos e de Defuntos- aparecen marcadas no almanaque para reivindicar unha celebración ancestral asimilada polo cristianismo que, tamén recentemente, se deu en chamar e foi aceptada maioritariamente co nome de Samaín, aínda que a denominación non aparece rexistrada en ningún escrito histórico galego nin tampouco ten entrada no dicionario da RAG.
En múltiples lugares de Galicia (e en practicamente toda a metade norte da Península) quedan testemuños de celebracións ou rituais pagáns asociados ao peche de ciclo anual, ás colleitas e ao Alén. Porén, foi no arranque dos anos 90 cando podemos situar o empezo do “Samaín” moderno -incluso da difusión do nome- irradiado desde Cedeira pola asociación Chirlateira e os estudos etnográficos do mestre, investigador e activista cultural Rafael López Loureiro.
A iniciativa impulsouse naquel entón máis como unha reivindicación de costumes a piques de desaparecer e con características e manifestacións propias de cada zona, que como unha celebración de formato e iconografía predeseñada, como ocorre co Halloween.
Van aló tres décadas e aquela idea do Samaín conseguiu asentarse en toda Galicia, aínda que seriamente deturpada pola cultura pop estadounidense e os iconos do cine de terror de serie B, malia os esforzos dalgunhas entidades por manter trazos diferenciais e xenuinamente galegos dunha celebración con raíces comúns en todas as culturas desta banda do Atlántico.
Como diferenciamos entón o Halloween do Samaín?. Non é doado, pero aí van algunhas pistas que puidemos atopar buceando na rede… que poden ser ou non certas e que poden ser ou non de aplicación dependendo do lugar de Galicia onde nos encontremos.
O QUE HAI HALLOWEEN SAMAÍN
CABAZAS SI SI
CABAZAS QUE SE SECAN E
GARDAN LOGO COMO MÁSCARAS
DO ENTROIDO NON SI
MELÓNS NON SI
NABOS NON SI
CASTAÑAS E COINCIDENCIA CO MAGOSTO NON SI
SANTA COMPAÑA E AVISIÓNS NON SI
BRUXAS SI NON
VAMPIROS SI NON
ZOMBIS SI NON
MOMIAS SI NON
DISFRACES E MÁSCARAS
CON MOTIVOS NATURAIS
(carautas para asustar os malos espíritos, colares
de zonchos, etc.) NON SI
TRUCO OU TRATO SI NON
DÍA DE PEDIR (2 DE NOVEMBRO) NON SI