A intención do Goberno de Cambre de ter un novo Plan Xeral supón un engano aos propietarios de fincas. No Concello deseñaron un documento cheo de aproveitamentos urbanísticos sabendo que a Xunta non lles vai permitir levalo adiante. Unha vez máis pretende enganarse aos veciños, como xa fixeron hai 4 anos.
Agora realizarán unha aprobación inicial, necesaria antes de envialo á Xunta para que o autorice. Unha vez que vai a Santiago, remíteno de novo ao Concello coas observacións acaídas para que o municipio para adaptar o documento e aprobalo definitivamente.
A Xunta xa advertiu ao municipio que era preciso reducir o solo urbano, detalle que non atenderon, xa que así poden botar a culpa das restricións urbanísticas ao Goberno autonómico. Documentos así non son aprobados pola Xunta, que os envía de volta aos concellos para ser rectificados con ópticas máis restritivas.
Hai 4 anos, responsables do Concello percorreron as parroquias anunciando cualificacións urbanas de alto aproveitamento e a aprobación inmediata do Plan. Brindis ao sol que non tiña ningunha base técnico-xurídica, contiña un exceso de solo urbano e a carencia de servizos urbanísticos.
Outro dato importante é que o Plan ignora a Vía Ártabra unha estrada de alto interese autonómico. A vía perimetral do oeste da área metropolitana, construída entre Lorbé e Iñás, está agora paralizada entre Iñás e Cambre a iniciativa deste concello.