Friday 22 de November de 2024

A alcaldesa asinou convenios de colaboración coa Fundación Santo Hospital de Caridade e o Patronato Concepción Arenal


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asinou convenios de colaboración coa Fundación Santo Hospital de Caridade e o Patronato Concepción Arenal. O importe conxunto que as arcas municipais destinan á renovación destes acordos ascende a 8.000 euros, tal e como indicou a rexedora local.

Ferreiro e o presidente da Fundación Santo Hospital de Caridad, Alberto Manuel Lens, rubricaron esta mañá o acordo que permitirá manter a atención a persoas con dificultade económica ou en risco de exclusión social. Dende hai anos desenvólvese un programa de atención a persoas que precisen un aloxamento alternativo, denominado Albergue de persoas sen fogar “Refuxio Pardo de Atín”. En base ao acordo rubricado hoxe a entidade porá a disposición do Concello este albergue para o acollemento de persoas sen teito ou en situación de emerxencia por desafiuzamento, actuacións que se coordinarán co Servizo Sociocomunitario Municipal e as unidades de traballo social do Consistorio.

A alcaldesa asinou ademais, de xeito telemático, o convenio coa presidenta da Asociación Patronato Concepción Arenal, Beatriz Dorrio, para manter a colaboración na liña de acollemento temporal de mulleres, soas ou acompañadas dos seus fillos/fillas que sofren situacións de violencia ou exclusión e o desenvolvemento de actividades complementarias no ámbito da acción social.

“Quero destacar un ano máis o labor destas dúas entidades con colectivos moi específicos, que requiren duns servizos e atención inmediatos e que reciben grazas a entidades como a Fundación Santo Hospital de Caridade ou o Patronato Concepción Arenal”, destacou Ferreiro.