Friday 22 de November de 2024

O Partido Popular de Sada insta o Goberno local a que desista do seu empeño en municipalizar o edificio da Terraza


Acusa o alcalde de obstaculizar o mantemento do mesmo. Sada, vinte e un de outubro de 2022.

Para o Partido Popular de Sada este edificio declarado BIC ( Ben de Interese Cultural), converteuse nunha peza cobizada por algunhas formacións políticas con fins unicamente electorais.

Os períodos preelectorais levan aparellados nos últimos tempos, en base a esa febre de colgarse méritos para cazar votos, formulacións como o que se pretende, a pesar de que son enganosos ademais de inviables.

Desde que A Terraza é declarada Ben de Interese Cultural ,ten unha localización, unhas características e un destino inamovibles, é dicir, non se pode mover de alí, nin modificar, nin cambiar a finalidade orixinal que recolle esta declaración, como punto de venda e servizo de bebidas, aínda que si compatibilizala con outras novas.

Sendo así, a nosa postura como Partido Popular de Sada, é a de solicitar ao goberno local que desista da idea de facer deste edificio un local municipal e que chegue a un acordo cos propietarios da Terraza, acordo que consisttiría en investir e buscar financiamento para o mantemento do devandito edificio por parte do concello , a cambio de realizar eventos ou actividades culturais municipais no mesmo, continuando os mesmos donos co desempeño da actividade que tantos anos levan exercendo.

A actitude deste goberno municipal está a condicionar precisamente a acción, por parte dos propietarios, en investir no mantemento do edificio #ante o futuro incerto do mesmo e o non poder acudir a axudas públicas pola falta de colaboración do concello.

Desde aquí anunciamos que como Partido Popular, apoiaremos unha postura que favoreza o ben común de Sada e os seus veciños, é dicir, o coidado e mantemento dun edificio tan emblemático como A Terraza e a continuidade da mesma actividade hostaleira por parte dos seus propietarios, veciños , que tantos anos levan á fronte deste negocio.