A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu a implicación do servizo de Bombeiros da Coruña, “para concienciar as coruñesas e coruñeses da importancia de ter unha serie de coñecementos fundamentais en caso de emerxencia”
A 17.ª edición da Semana da Prevención de Incendios chegou hoxe á súa fin tras cinco xornadas consecutivas con actividades para todos os públicos, con talleres e cursos de información en materia de prevención e simulacros en centros educativos e exposicións.
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, puxo en valor o compromiso do Concello con esta iniciativa, coorganizada co servizo de Bombeiros da Coruña e promovida en colaboración coa Fundación Mapfre e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros.
“A Coruña é a única cidade de todo o país que tomou partido, de forma ininterrompida, en todas as edicións. Tamén durante a pandemia, por vía telemática”, subliñou Inés Rey.
Neste sentido, a rexedora agradeceu especialmente a implicación dos profesionais do corpo de Bombeiros “para concienciar a cidadanía sobre a importancia de ter unha serie de coñecementos fundamentais para actuar no caso de incendio ou accidente de circulación, para saír polos seus propios medios cos menores danos posibles, aprendendo como proceder ata que cheguen os servizos de emerxencia”.
Unhas 3.000 persoas asistiron ou tomaron parte nas actividades programadas desde o pasado xoves 20 e ata hoxe, luns 24 de outubro. Neste período, ademais das visitas escolares á praza de María Pita de colexios como Calasancias e Dominicos, con actividades interactivas coas crianzas, simulacións de fugas de gas e talleres prácticos de reanimación cardiopulmonar (RCP), tamén se ensinaron procedementos a seguir en caso de accidentes de tráfico.
Ademais, as actividades leváronse tamén aos centros educativos, con charlas, talleres sobre seguridade e prevención e simulacros no CIFP Ánxel Casal (Monte Alto), o IES da Sardiñeira (Os Mallos) e o CIFP de Someso. “A Semana da Prevención é unha forma de facer cidade, de axudarnos entre todas e todos para mellorar a sociedade na que vivimos; concienciándonos da necesidade de estarmos preparadas e preparados ante unha emerxencia, pois podemos axudar a salvar vidas”, resolveu Inés Rey.