Sunday 24 de November de 2024

Alternativa convocará asembleas informativas para defender aos afectados polo plan director do aeroporto


Alternativa dos Veciños facilitará proximamente os modelos de alegacións aos centos de propietarios afectados dos concellos de Culleredo, Oleiros e Cambre, así como a aquelas outras persoas interesadas. Ademais convocaranse asembleas informativas para colaborar na defensa dos intereses dos veciños e veciñas afectados.

A Dirección Xeral de Aviación Civil ten exposta desde o pasado día 17 de outubro unha nova normativa coa que pretende consolidar unha pegada sonora que hipotecará centos de propiedades urbanas, rurais e urbanizables. Todos os terreos afectados por esta pegada, en caso de aprobarse definitivamente, non serían construíbles como vivenda.

No caso de Culleredo, a pegada sonora afecta a todo O Burgo, parte de Vilaboa, Almeiras, e esténdese na zona sur por Tarrío, máis alá da casa do concello. Ademais, para aumentar as actuais instalacións, decenas de casas serán expropiadas nos dous laterais do aeroporto.

En Cambre a afección é moito menor e en Oleiros amplíase a pegada ata a Igrexa de Liáns. O Concello gañara no seu día un preito que obrigaba a reducila ata O Seixal, pero con esta ampliación volveríase a ampliar novamente.

Ademais da pegada sonora, o Plan Director afectará con servidumes aeronáuticas aos concellos de Cambre, Carral, Cerceda, Sada, A Coruña, Bergondo, Arteixo e Laracha, ademais de Culleredo e Oleiros. Nestes casos si sería posible construír pero para moitas licenzas e actividades sería necesario contar con Aviación Civil.

Unha vez máis o alcalde de Culleredo queda en evidencia, pois anunciara aos veciños que se aceptarían as súas alegacións ante Aviación Civil. Vese que ten pouco peso ante os seus superiores do PSOE, porque este é un asunto do Goberno central. As propiedades dos veciños e o futuro de moita persoas vese gravemente ameazado.

Alternativa dos Veciños non está en contra do aeroporto de Alvedro, pero as limitacións que ten non se poden resolver eliminando o desenvolvemento dos concellos da comarca da Coruña.