Trátase da cuarta fase, enmarcada dentro da iniciativa Cabanas Sostíbel posta en marcha pola área de medio ambiente
O Concello de Cabanas vén de anunciar a posta en marcha dunha nova fase do programa de compostaxe doméstica, a cuarta do programa “Cabanas Sostíbel impulsado pola área de medio ambiente, que chega despois do éxito das tres fases anteriores, nas que se repartiron 110 composteiros domésticos.
Esta nova iniciativa consiste na cesión gratuíta de composteiros domésticos, combinada con campañas informativas e visitas de persoal especializado ás propias vivendas para a súa implementación e, posteriormente, para realizar o seguimento e asesorar sobre o uso axeitado do equipamento.
Os composteiros teñen unha capacidade de 400 litros, e están fabricados en material 100% reciclado. Contan cunha tapa superior con peche anti-vento e dobre apertura, así como un sistema de montaxe sinxelo. Xunto a eles, entregaranse uns kits de compostaxe, compostos por un aireador de aceiro inoxidábel, rede antirroedores e manuel en papel impreso coa información necesaria para a correcta realización da compostaxe.
“A compostaxe doméstica permite a reciclaxe en orixe da materia orgánica, converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades para o solo e o aproveitamento no xardín, horta ou terras de cultivo, ao tempo que se reduce a carga de residuos sólidos urbanos”, indicou o tenente alcalde e concelleiro de medio ambiente, Iago Varela.
Aquelas persoas e familias que desexen formar parte desta iniciativa, poden facer a reserva gratuíta do seu composteiro cumprimentando o formulario dispoñíbel en cabanas.gal.
A iniciativa está financiada polo Concello de Cabanas e a Consellaría do Medio Ambiente da Xunta de Galiza, no marco da convocatoria de axudas para o financiamento de actuacións destinadas á mellora da xestión dos biorresiduos.