Friday 22 de November de 2024

O vindeiro xoves abre o prazo de inscrición para as escolas e obradoiros culturais do concello de Fene


A Concellería de Cultura e Ensino anuncia a próxima apertura do prazo de matricula para as escolas culturais, cursiños TIC, xornadas TIC e obradoiro previstos para o curso 2015/2016. As inscricións realizaranse nas dependencias administrativas do pavillón A Xunqueira de San Valentín do xoves 1 ao xoves 8 de outubro. Os días 1, 2 e 5 de outubro poderán anotarse as persoas residentes en Fene e o 6, 7 e 8 de outubro, a poboación en xeral. O horario de atención ao público será de 8:30h a 14:30 h. (todos os días) e de 16:00 h a 19:00 h (o xoves 1 e o mércores 7 de outubro).

Segundo informa a concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García, a oferta de escolas culturais municipais para este novo curso pasa por actividades como música: solfexo-piano (40 prazas) e guitarra (8 prazas para “iniciación” e 16 prazas para perfeccionamento), actividades dirixidas a nenos/as a partir dos cinco anos e poboación en xeral. Tamén se programaron, no marco das escolas municipais de idiomas, dous obradoiros: “Xogamos co inglés” (15 prazas) para estudantes do último ciclo de educación infantil até o derradeiro curso de educación primaria incluído, e “Falamos inglés” (15 prazas) para persoas de 14 anos en diante (con ou sen coñecementos de inglés). Námbolos dous casos, os obradoiros desenvolveranse do 13 de outubro de 2015 ao 30 de maio de 2016 en sesións semanais de dúas horas de duración.

Á vista do éxito acadado na súa primeira edición, a Concellería de Cultura e Ensino volve programar para este novo curso o obradoiro “Licenza para rir” (15 prazas para nivel “introducción” e 15 prazas para nivel “continuidade”) que se desenvolve nas instalacións do Museo do Humor de Fene. Con esta actividade, dirixida a persoas maiores de 18 anos, preténdese “coñecer e valorar as potencialidades terapéuticas e curativas da risa, fomentar a creatividade individual e grupal desde o lúdico, utilizar a risa como ferramenta favorecedora da comunicación e axudar ao corpo e á mente a afrontar positivamente calquera situación de estrés, empregando a risa como ferramenta terapéutica”.

Tamén se organiza, como novidade, un obradoiro de cómic (15 prazas) para persoas maiores de 16 anos. Neste caso, a actividade desenvolverase no Museo do Humor de Fene todos os luns dende o 19 de outubro ao 21 de decembro en horario de 18 a 20 horas. Coñecer as técnicas de debuxo no mundo do cómic, conceptos básicos da arte secuencial, a construción dos espazos de cada viñeta, a creación de personaxes…son algúns dos obxectivos desta actividade coa que se organizará, ao remate das clases, unha exposición colectiva cos traballos realizados polo alumnado.

Un obradoiro de fotografía de nivel básico para maiores de 16 anos (15 prazas) e outro de cociña para vag@s, dirixido a persoas maiores de 18 anos (15 prazas) completan a oferta de obradoiros culturais municipais do Concello de Fene para esta tempada. O de fotografía terá unha duración de 20 horas e desenvolverase na Aula de Cursos do Departamento de Cultura todos os martes do 19 de outubro ao 23 de decembro, en horario de 18 a 20 horas. Pola súa banda, o obradoiro de cociña para vag@s desenvolverase nas instalacións da AAVV de Magalofes os venres 17, 24 e 31 de outubro, e 7, 14 e 21 de novembro, de 18 a 21 horas.

No apartado de cursiños TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación), dende a Concellería de Cultura e Ensino anúncianse tres accións formativas. A primeira, “Redes sociais para principiantes”, pretende que os participantes (que deben ser maiores de 18 anos) adquiran os coñecementos necesarios para empregar as principais redes sociais como facebook, twitter ou linkedin. Tamén se organiza un curso de “Introducción a Internet” e outro de “Introducción á ofimática”. Estas últimos están dirixidos a persoas maiores de 16 anos, prevén 16 prazas para o nivel básico e 16 prazas para o nivel avanzado e terán unha duración de 10 horas.

Para máis información sobre as escolas, obradoiros ou cursiños TIC que organiza a Concellería de Cultura e Ensino de Fene, pódese chamar ao teléfono das dependencias administrativas do Departamento de Cultura e Ensino do Concello de Fene (981-340366) ou consultar a normativa xeral de matriculación das devanditas escolas na páxina web municipal (www.fenecidadan.net).