• É inadmisíbel un plan que introduce importantes afectacións sobre o patrimonio de miles de Cullerdenses.
• A aprobación do novo Plan director para Albedro sentenza de morte o PXOM de Culleredo aínda en tramitación.
• Os datos de tráfico de pasaxeiros en Albedro están inflados artificialmente.
• É precisa a ordenación do Sistema Aeroportuario Galego, coordinando os 3 aeroportos con outros medios de transporte, para dar servizo ás necesidades de mobilidade dos galegos.
O Plan presentado afecta ao patrimonio de miles de cullerdenses para dar cumprimento a unha demanda irreal. É o remate final para o PXOM de Culleredo en tramitación, por se non estivera morto xa. O novo Plan Director obriga a pedir novos informes para un PXOM que está aproveitando unha disposición transitoria da Lei do solo de 2006 e que non ten validez indefinidamente.
O Plan Director que esta semana se aprobou, iniciou a tramitación en 2018 cando apenas se tiña alcanzado o horizonte de pasaxeiros para o que estaba deseñado o Plan Director vixente naquel momento. Hoxe a evolución do tráfico de pasaxeiros tivo grandes descensos, non só pola situación de pandemia senón polo contexto internacional e polo achegamento do ferrocarril de alta velocidade, de forma que o tráfico queda afastado da xustificación da necesidade dun novo Plan Director que atenda un tráfico moi superior.
Non é de recibo que o Ministerio aprobara un Plan Director para o aeroporto cun horizonte de 1,6 millóns de pasaxeiros cando o tráfico en Albedro neste momento está moi por baixo do horizonte do Plan Director de 2001, vixente ata a semana pasada e co AVE xa en Ourense e que en pouco tempo debería estar na Coruña.
O tráfico de pasaxeiros en Albedro está inflado artificialmente polas subvencións aos voos, algo que vai en contradición coa normativa europea da competencia. O Ministerio fai unha aprobación irresponsábel dun Plan Director innecesario para un aeroporto no que para que veñan voos hai que subvencionalos fortemente, e para o que aínda hai convocatorias de subvencións que quedaron desertas nos últimos meses.
A premisa de ordenación das necesidades de mobilidade dos galegos debería ter en conta o Sistema Aeroportuario Galego conformado polos tres aeroportos máis o tren de alta velocidade. Partindo diso, non é normal que se deseñe un Plan Director para o que habería que investir 132 millóns de euros, cando o aeroporto internacional Rosalía de Castro en Lavacolla, Compostela, carece de comunicacións en autobús directo coas principais urbes galegas. Hoxe en día é máis fácil para unha persoa da comarca da Coruña ir en bus ao aeroporto Sá Carneiro no Porto que ir en bus a Lavacolla para embarcar en calquera dos destinos que complementan a oferta de Albedro como Alicante ou Bruxelas.