‘Escribir ensinando, ensinando a escribir’ é o título desta conferencia de entrada libre que se celebrará no Paraninfo da UDC
O Paraninfo da Universidade da Coruña acollerá este martes 25 de outubro unha nova sesión do segundo Foro Pensando en Educación, impulsado polo Goberno de Inés Rey en colaboración coa UDC. Nesta ocasión, a conferencia correrá a cargo da escritora Inma Chacón Gutiérrez.
O título deste novo coloquio será ‘Escribir ensinando, ensinando a escribir’ e tratará sobre a elaboración literaria a través da visión persoal e profesional dunha escritora moi prestixiosa polos seus traballos. Inma Chacón conta entre os seus recoñecementos e premios co de finalista do Premio Planeta 2011. “Falarei sobre a miña experiencia como escritora e como profesora. Como puiden combinar as dúas actividades e facer que existan sinerxias entre elas. A miña actividade como profesora de Documentación axudoume a comprender que a base documental é imprescindible para a verosimilitud da ficción, e a miña actividade como escritora axudoume a ensinar aos meus alumnos, desde a práctica, como abordar un proxecto comunicativo fiable”, sinala Inma Chacón.
Na primeira edición do Foro Pensando en Educación contouse coa presenza de destacadas personalidades como o ex presidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero. Tamén participaron a mestra Míriam Campos Leirós e a catedrática de Dereito Mercantil na Universidade de Valladolid, Marina Echebarría Sáenz. O 15 de novembro pecharase esta segunda edición coa participación de Pilar Alegría, ministra de Educación e Formación Profesional no Goberno de España.
Sobre a protagonista deste 25 de outubro
Doutora en Ciencias da Información e licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, a estremeña Inma Chacón Gutiérrez foi decana da Facultade de Comunicación e Humanidades da Universidade Europea, onde fundou e dirixiu a revista científica Binaria. É columnista de El Periódico Extremadura desde fins de 2005 e colabora con diversos medios.
A súa primeira novela foi ‘La princesa india’, á que seguiron ‘Las filipinianas’,’Tiempo de arena’ (finalista do Premio Planeta en 2011), ‘Mientras pueda pensarte’ e ‘Tierra sin hombres’, grandes éxitos de vendas e crítica. Tamén publicou a colección de relatos ‘Voces. Antología personal’ e os poemarios ‘Alas’, ‘Urdimbres’, ‘Antología de la herida’ e ‘Arcanos’.
No campo da dramaturxia, é autora de varias obras, entre as que destacan ‘La Baltasara’ e ‘Las Cervantas’, escrita xunto con José Ramón Fernández por encargo da Biblioteca Nacional. Tamén colaborou en numerosos libros colectivos de poemas e de relatos. ‘Los silencios de Hugo’, a súa sétima novela, é unha homenaxe á súa terra, Estremadura.