Xosé Manuel Pose Lema volverá a encabezar a candidatura do BNG en Laxe coa intención de impulsar dende a alcaldía a necesaria revitalización socioeconómica do concello. Tanto dende a oposición como dende o goberno, do que formou parte dende novembro do 2016 ata as eleccións do 2019, Pose Lema ten demostrado ilusión, traballo e capacidade para liderar a transformación que precisa o concello de Laxe. “Fronte á un goberno esgotado e sen un proxecto para Laxe, a nosa vocación é construír unha alternativa que sexa quen de situar o noso concello no lugar que merece”, apunta.
Durante o seu breve paso polo goberno, Xosé Manuel Pose impulsou dende as áreas de Hostalaría, Turismo e Comercio políticas de promoción económica que contribuíron á desestacionalización do turismo, á promoción exterior do concello, ao recoñecemento de recursos turísticos tan relevantes como o Arquivo Fotográfico Vidal ou a igrexa de Santa María da Atalaia, á potenciación do agora esquecido Museo do Mar ou á dinamización de sectores básicos para a economía local como a hostalaría ou o comercio.
Xosé Manuel Pose, axente comercial e técnico especialista en diversas áreas relacionadas coa xestión de pequenas e medianas empresas, leva toda a súa vida laboral vinculado á empresa: durante 25 anos, no sector do tabaco, e dende o 2013, como autónomo no sector da distribución, que compaxina co labor de asesoramento gastronómico para institucións públicas. Froito da súa ampla experiencia no mundo da hostalaría e a empresa foi a creación, durante a súa etapa de goberno, do programa de desestacionalización do turismo reLAXEse, que se converteu en todo un referente.
Vinculado ao nacionalismo dende moi novo Xosé Manuel Pose formou parte de todas as candidaturas municipais nacionalistas dende o ano 1983, e dende o 2007 encabeza a lista do BNG. O seu principal reto para os vindeiros meses é conformar a candidatura que Laxe precisa para remontar “as políticas rutinarias, decepcionantes e nada innovadoras” do goberno local do PP.