San Sadurniño tamén ten en licitación pública o proxecto para continuar desde Vigo até A Camba, completando así a reparación integral de 4 quilómetros dun dos principais eixos de unión entre os dous municipios
O Concello de Moeche publicou este xoves na Plataforma de Contratación do Sector Público os pregos técnicos e administrativos correspondentes á licitación das obras de reparación da estrada que vai desde a Ponte do Sur até Vigo, no límite co concello de San Sadurniño. O investimento, financiado con fondos provinciais, está orzamentado en 113.610,93 euros, impostos incluídos, que se destinarán ao aglomerado e acondicionamento das gabias ao longo de case dous quilómetros de distancia. As empresas interesadas en presentar ofertas teñen de prazo ata o día 9 de novembro. Dase a circunstancia de que San Sadurniño tamén ten iniciada a contratación do arranxo da outra metade deste eixo viario, de maneira que, se non hai contratempos, a reparación integral de toda a estrada podería executarse simultaneamente en ambos municipios.
O aglomerado desta vía de comunicación con San Sadurniño é un proxecto que se tiña previsto levar a cabo por medio dun convenio nominativo subscrito entre a Deputación da Coruña e os dous concellos que, finalmente, se trasladou ao Plan Adicional 02/2022 en dúas actuacións separadas pero que ambos consistorios pretenden executar en paralelo e que saen a concurso público con escasos días de diferenza precisamente con esa finalidade. “Coa opción do convenio nominativo a Deputación financiaba só o 80% da obra, mentres que o Concello debía asumir o 20% restante. Ao pasala como investimento acollido ao Plan Adicional, o financiamento provincial é do 100%, co que aforraremos unha cantidade importante”, explica Beatriz Bascoy.
Do lado de Moeche vanse reparar os case 2 quilómetros (son exactamente 1.930 m) que van desde o punto onde remata a DP-4907, na Ponte do Sur, até o lugar de Vigo, no límite co concello veciño. Ao longo dese trazado farase unha limpeza previa -tamén das cunetas e canalizacións transversais- e estenderase unha capa de firme aglomerado que ofreza maior comodidade na marcha, mellor adherencia en mollado, máis capacidade de drenar a auga da chuvia e tamén maior durabilidade.
A última parte do proxecto consistirá no pintado e colocación de sinalización horizontal e vertical adaptada ás novas características da vía, que levará de comezo a fin unha largura media de 5,2 metros, incluído o paso por Penas Albas onde na actualidade o ancho é de tan só 4,3 metros.
A obra encóntrase na fase de recepción de propostas a través da plataforma electrónica do Concello, cun prezo de partida de 113.610,93 euros, IVE incluído, e un prazo de execución máximo de 4 meses. As empresas do sector teñen até as 23:59h do día 9 de novembro para presentar por vía telemática as súas ofertas.
Unha vez que se complete este proxecto e o que acometerá San Sadurniño (desde Vigo até a Camba, en Ferreira de Abaixo), o fondo de Moeche disporá de firme aglomerado nas dúas vías principais de entrada e saída polo oeste. As obras licitadas son, segundo a alcaldesa, Beatriz Bascoy, “unha vella demanda veciñal á que se lle vai dar cumprimento e que tamén nos aforrará a medio e longo prazo custes de mantemento”.