Saturday 16 de November de 2024

O concello xa conta coa Bandeira Verde de Galicia


O recoñecemento avala as políticas municipais neste eido.

O tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, recolleu hoxe de mans da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda Ángeles Vázquez, a Bandeira Verde de Galicia coa que a Xunta premia aos municipios que destacan polo seu labor a prol da protección da paisaxe e do medio ambiente. O acto celebrouse na localidade luguesa de Sober.

Neste ano son quince os municipios da comunidade que obteñen este recoñecemento ao ser considerados como os máis dinámicos neste eido por desenvolver boas prácticas para o coidado da contorna, o respecto da paisaxe, a minoración das emisións de CO2 e a redución do consumo enerxético.
Entra as accións levadas a cabo polo Concello e que posibilitaron a concesión deste distintivo cabe salientar a renovación da iluminación pública e das instalacións municipais por luminarias tipo LED de maior eficiencia enerxética, a implantación da quinta fracción da recollida selectiva (colector marrón de orgánicos), humanización de rúas, creación e mellora de sendas peonís e accións de sensibilización en material medioambiental, entre outras iniciativas.

A Bandeira Verde, creada no ano 2020, pretende convertese nun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía, turistas e visitantes para fortalecer a imaxe dos municipios máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.

A Bandeira Verde de Galicia avala as políticas municipais nestes campos e é un aliciente para continuar realizando no futuro accións destas características.