A súa inclusión na alianza permitirá ao monumento coruñés participar en feiras nacionais e internacionais, buscar financiamento para proxectos, difundir as súas actividades entre o resto dos socios ou abordar retos e oportunidades
A Asemblea Xeral da Alianza de Paisaxes Culturais e Lugares Afíns do Patrimonio Mundial aprobou hoxe en Mallorca a inclusión da Torre de Hércules como novo membro. A entidade, que reúne aqueles bens declarados Patrimonio Mundial dentro das categorías das paisaxes e os sitios ou monumentos, ten como obxectivo servir de lazo entre as paisaxes e os sitios para compartir experiencias, buscar solucións a diversas problemáticas comúns, formar aos seus técnicos en materias específicas e obter recursos para desenvolver actividades conxuntas.
A súa inclusión na Alianza permitirá ao monumento coruñés participar de forma conxunta en feiras nacionais e internacionais, buscar financiamento para proxectos comúns, difundir as súas actividades entre o resto de socios e realizar xornadas técnicas para abordar retos, oportunidades e análises de problemáticas comúns.
Con Sintra, a Alhambra ou as Médulas
Forman parte da Alianza os seguintes sitios: Paisaxe cultural de Aranxuez, Eivissa – Biodiversidade e cultura, a Paisaxe cultural da Serra da Tramuntana, a cidade de Sintra, o Palmeral de Elche, a Alhambra e o Generalife e a paisaxe cultural das Médulas.
Risco Caído e Andorra
Na Asemblea xeral de hoxe incorpóranse, xunto coa Torre de Hércules, a paisaxe cultural do Val de Madriu-Perafita-Claror (Andorra) e a paisaxe cultural de Risco Caído e as montañas sagradas (Canarias).
En maio pasado, tras o Encontro Ibérico de Xestores do Patrimonio Mundial, que tivo lugar en Aranxuez, a presidenta da Alianza e presidenta do Consell Insular de Mallorca, Catalina Cladera Crespí, cursou unha invitación para a incorporación da Torre de Hércules tendo en conta que: “contar cun novo socio é importante para a nosa organización”. Constatou, ademais, que a partir de colaboracións entre os diferentes sitios hai un enriquecemento mutuo. “Fortalecémonos mutuamente, pois hai moitas coincidencias e puntos en común entre os diferentes sitios, para afrontar xuntos e compartir as nosas experiencias”, asegurou.
Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.